Patrocinado por Patrocinadopor

Expectación nos concellos que poderán volver sementar patacas

ana f. cuba FERROL / LA VOZ

AGRICULTURA

JOSE PARDO

Medio Rural prevé que o «Diario Oficial de Galicia» publique hoxe o levantamento da prohibición en Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Mugardos e As Pontes

17 ene 2020 . Actualizado ás 12:02 h.

Nas oficinas agrarias da comarca hanse multiplicado as chamadas e as consultas presenciais nas últimas semanas. «Nestas datas sempre hai máis porque están a punto de empezar a botar as patacas de cedo», comenta un técnico. Pero este ano o interese e a expectación hanse disparado, a raíz do anuncio da Consellería de Medio Rural do inminente fin da prohibición de sementar patacas en nove dos concellos afectados pola praga da Tecia solanivora Povolny, ou couza guatemalteca.

As consultas nas oficinas agrarias disparáronse desde que se avanzou o fin da veda  A medida, que se oficializará hoxe, segundo confirmaron onte desde a Xunta, afecta os municipios de Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Mugardos e As Pontes (e aos lucenses de Ourol e Abadín), que pasarán de ser considerados área infestada para converterse en zona tampón. Isto implica que a Administración autonómica manterá a vixilancia, «cun seguimento exhaustivo das plantacións, con medidas de control co obxectivo de controlar a expansión da couza».

Estes municipios pasarán de ser considerados como área infestada para ser zona tampón Os agricultores que sementen no territorio tampón, do que tamén forman parte Cedeira, Cerdido, Moeche e As Somozas, deben declarar a súa plantación, informando as oficinas agrarias da parcela, a superficie e a cantidade de simiente utilizada. Entre outras restricións, os tubérculos recolleitos non se poderán destinar a seméntaa «mentres a praga non se considere erradicada na zona infestada». A veda permanece, polo menos un ano máis, nos concellos de Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, Ortigueira, Mañón e Cariño.

Nos municipios onde se levanta a prohibición, Medio Rural constatou «que non se rexistrou ningunha captura [do insecto] nos dous últimos anos». Aos produtores profesionais sorprendeulles que «en Fene vaian poder plantar e en Neda, limítrofe, non». Víctor Novo, xefe de servizo de de Sanidade e Produción Vexetal a Consellería de Medio Rural, explicaba fai unhas semanas que o real decreto 197/2017, que establece o programa nacional de control e erradicación da tecia, condiciona o fin do veto non só a que non teñan aparecido insectos en dous anos nese territorio, senón nos cinco quilómetros ao redor dos límites administrativos de cada concello. E insistía nunha mensaxe clara: «Coa praga hai que ser prudentes».

 Haberá seguimento das plantacións para controlar a expansión da praga da couza Seméntaa de patacas seguirá, xa que logo, restrinxida en boa parte das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e Eume, como vía para intentar frear a praga, detectada por primeira vez en Galicia en novembro do ano 2015, en Ferrol, Narón e Neda.