Patrocinado por Patrocinadopor

A limpadora de trigo que cambiou a man polo motor para continuar traballando

Somos Agro REDACCIÓN

AGRICULTURA

Basilio Bello

Varios agricultores requiren os servizos dun veciño de Vimianzo que modificou unha antiga máquina artesanal encargada de sacar o cereal da palla

21 ago 2019 . Actualizado ás 10:28 h.

Saber separar a palla do gran é un labor tan importante na época de colleita que a expresión se converteu nun consello de vida. Hai anos, un veciño de Castromil, no concello de Vimianzo, tiña tanto trigo que recoller que buscou un método que lle facilitase o traballo. O que fixo entón Ramón Rial foi botar a vista atrás, á época na que o trigo era un cultivo moito máis estendido. Os agricultores usaban as máquinas limpadoras manuais para facer esa tarefa fundamental de «limpar ou cereal».

«Atopei unha vella, xa non me acordo onde, e merqueina, pero modifiqueina para non ter que facer o traballo de forma manual. Aforra moito traballo», lembra agora este home que aínda usa aquel dispositivo doutro tempo. O que fixo foi pórlle un motor conectado á corrente eléctrica e logo xa todo discorreu de modo liso e chairo como Castela. 

BASILIO BELLO

Aínda que este home a ideou para uso particular, cada vez son máis os que o chaman para que os axude coa colleita. Onte pola tarde estivo en Tines, en Vimianzo, limpando trigo galego, un cereal que está a se recuperar en Galicia para facer pan galego, unha variedade que está á espera de que lle dean a IXP. Alí mostrou como traballa a súa máquina. Ao final da xornada os agricultores encheron varios sacos de trigo.