Patrocinado por Patrocinadopor

O tomate galego aproveita que a ensalada verde perde enteiros fronte ao seu vermello competidor

María Cedrón REDACCIÓN

AGRICULTURA

Viu

O informe de consumo de Alimentación en España 2018 conclúe que o tradicional prato de hortalizas é o que está máis presente no menú dos fogares, onde o froito orixinario de Ándelos gana cada vez maior presenza

25 jun 2019 . Actualizado ás 09:38 h.

Galicia ten un total de 17 variedades autóctonas de tomate. Aínda que esta planta é orixinaria de Ándelos, foi domésticada en México e logo acabou en Galicia onde a adaptación ao medio desembocou na existencia de diferentes variedades autóctonas recuperadas mediante o esforzo dos agricultores que lograron identificalas nos seus hortos. De feito, algunhas levan o nome dos que recoñeceron as súas particularidades. Catalogadas polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo algunhas destas especies como o tomate Negro de Santiago ou Avoa de Osedo fixéronse un oco entre os produtos gourmet das froiterías especializadas. Hai só uns anos, cando empezou a recuperación do cultivo, había lista de espera nos restaurantes para facerse con pezas do primeiro. Pero hai moitas máis: Amarante, Apementado, Convento, Taller de Lubre, JoséLuis , Pili de San Fiz, Corazón de Miño, Amadeo de Monforte, Corazón de Monforte, De Corno, Monforte Grande, Monforte pequeno, San Lázaro, Olimpia Ourense e Mariló. E xunto a elas hai outras variedades que teñen en determinadas zonas de Galicia o lugar perfecto para crecer, como a variedade Anairis, pola que apostan desde a sociedade Hortas de Galicia, en Mondoñedo. 

Para todas elas, autóctonas ou foráneas, a cada vez maior presenza da ensalada de tomate nos menús dos fogares españois que constata o Informe sobre Consumo de Alimentación en España 2018, presentado este luns polo ministro de Agricultura en funcións, Luis Planas, é unha boa oportunidade para gañar mercado. O seu sabor e o seu cheiro ao partilos, ao ser un cultivo de tempada, é o que os diferenza e o que lles dá forza para proxectarse. Porque, como tamén recolle o estudo, os españois coidan cada vez máis a súa alimentación e están dispostos a gastar máis en produtos que ofrecen valor engadido. De feito, as variedades que conviven nas froiterías van en aumento. 

«Cada vez hai máis demanda de tomate. Nós producimos 50 toneladas ao ano e todas quedan aquí, na provincia de Lugo», explica Jorge Losada, un dos socios de Hortas de Galicia . Cultiva Anairis, unha variedade que aínda que non está catalogada como autóctona polo centro de Mabegondo, adquire unha textura e un sabor que conquista padais. Por que? «Pode ser pola auga desta zona. En Pontevedra, por exemplo, debido ao clima, os tomates saen uns quince días antes, pero a auga é máis dura. Aquí temos augas máis brandas, algo que favorece a calidade do froito. Ademais por Mondoñedo o clima non presenta tampouco tantos altibaixos», apunta Jorge. Xunto a esta, outras das variedades máis cultivadas na comunidade (tampouco son autóctonas) son o Caramba e Jack.

En Hortas de Galicia teñen tomate desde finais deste mes ata novembro e, como explica un dos socios da entidade, «este ano aínda que a colleita se atrasou un pouco debido ao tempo, a colleita é fantástica». Haberá que probalos. 

Variedades de tomates autóctonos de Galicia

 Avoa de Osedo: Descuberto en Osedo (Sada) a súa produción é duns 6,6 quilos por metro cadrado. De forma achatada, ten unha porcentaxe de 51,92 %. 

Amarante: Achado en Bergondo, a súa produción é de 7,4 quilos por metro cadrado. A súa porcentaxe de zume é do 60,30. 

Apementado: Este tomate recuperado no concello coruñés de Bergondo, produce uns 13,07 quilos por metro cadrado. De forma cilíndrica ten un grao de zumosidad de 57,2.

Convento: É outro dos tomates que foron recuperados en hortos de Bergondo, a planta produce unha cantidade duns 7,7 quilos de froitos achatados por metro cadrado. A porcentaxe de zume é do 62,33 %.

Corazón de Miño: Esta variedade foi identificada o concello de Miño. É dos que conteñen menos zume, un 48,23. 

JoséLuis : Non é moi produtivo. Só 4,9 quilos por metro cadrado. Este tomate achado en Betanzos, cun froito cordiforme, ten un grao de zume de 50,89 %.

Negro De Santiago: Achado en Leiro (Miño), a planta produce nove quilos por metro cadrado. Con froito lixeiramente achatado ten un índice de zume do 67,59.

Pili San Fiz: Achado en Monfero, laa planta produce 3,5 quilos por metro cadrado, mentres que o froito ten unha forma  trapezoidal. O seu nivel de zume é do 62,5 %.

Taller de Lubre: Achado en Lubre (Bergondo), produce uns 5,2 quilos por metro cadrado. O seu grao de zumosidad é do 61,3%

Amadeo Monforte: Achado en Monforte, a prata produce uns 8 quilos por metro cadrado. A súa porcentaxe de zume é do 57,71 %.

Corazón de Monforte: Cun froito en forma de corazón, este tomate achado en Monforte é moi zumento. O seu índice de zume é do 65,13 %.

Monforte Grande: De Monforte, pode producir uns 5,4 quilos por metro cadrado. É achatado e aplanado. 

Monforte pequeno: Tamén foi achado a beiras do río Cabe, a planta produce uns 7,6 quilos por metro cadrado. O seu nivel de zume é do 60,52 %

De Corno: Foi descuberto en San Lázaro, no concello de Mondoñedo, ten unha forma puntiaguda. 

Olimpia Ourense: Descuberto en Ourense, o seu nivel de produción é de 7,2 quilogramos por metro cadrado. De forma achatada, o seu nivel de zume é de 61,89 %.

San Lázaro: Tamén foi recuperado en Mondoñedo. Lixeiramente achatado e plano ten bastante zume. 

Mariló: Achado en Pontecesures, é achatado e plano. Ten na zumosidad do 55.59.