As perspectivas nas cinco denominacións de orixe galegas son boas e, a pesar dos bruscos cambios meteorolóxicos, a vide desenvólvese a bo ritmo

M. Alfonso

Non houbo xeadas. Tampouco fortes granizadas que puxesen en risco os pequenos brotes. A colleita de viño en Galicia logrou superar, e con nota, a primeira fase do seu crecemento na práctica totalidade das denominacións galegas. Nas catro rexións do interior empezan a respirar tranquilos, pois os últimos anos foron duros polos danos causados por episodios meteorolóxicos adversos. É Rías Baixas a que, nesta ocasión, atravesou máis dificultades. Pero ningunha grave. Na denominación do albariño foi na única onde houbo algo de saraiba e fortes ventos, que causaron algunhas roturas na vexetación. Tamén é das poucas onde apareceron as primeiras manchas de mildiu, pero sen maior problema. Os viticultores están acostumados tratar con esta enfermidade e a praga parece, por agora, controlada.

«Estamos contentos. Naceron bastantes acios e están moi sans», explica Nuria Álvarez, técnico del consello regulador de O Ribeiro. Las últimas precipitaciones apenas han afectado al viñedo y las perspectivas son buenas. «Levamos unha semana de adianto», insiste. A mesma opinión comparten en Monterrei . «Está perfectamente. Non houbo incidencias e agora temos temperaturas bastante altas e humidade, co que as plantas están desenvolvéndose a un ritmo importante», conta Miguel López, técnico do consello. Este ano apenas tiveron problemas coas xeadas, que en exercicios anteriores levaron por diante boa parte da produción. «Nalgún momento houbo algo de risco, pero quedou en nada», sostén. Recoñece que este foi un inverno seco «pero en abril tivemos precipitacións abundantes que foron favorables para o desenvolvemento da vide».

ALBERTO LÓPEZ

Na Ribeira Sacra a sensación é a mesma, tranquilidade. «Este é un ano moi tranquilo, no que todo vai ben», explica o presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez. «Hai boa temperatura, bo tempo e levamos unha semana ou dez días de adianto co que sería a media», engade. Lembra que o ano pasado, o mildiu converteuse nun problema «porque estivo chovendo sen parar ata finais de xullo». Con todo, nesta ocasión, a enfermidade non fixo a súa aparición, aínda que os viticultores seguen pendentes da vide polo si ou polo non. Tamén en Valdeorras a colleita avanza a bo ritmo. As condicións meteorolóxicas non supuxeron un problema e nin sequera o mildiu fixo acto de presenza polo momento. «Choveu aí atrás un par de días, pero agora fai sol e a vide está ben», argumenta Rodrigo Enríquez, técnico do consello regulador. Tamén nesta denominación levan uns anos duros. «Tivemos moito mildiu e colleitas mermadas así que confiemos en que agora nos toque un ano bo», afirma.

Rías Baixas, moi pendente para controlar as primeiras manchas de mildiu

A denominación de orixe do albariño é onde as condicións meteorolóxicas causaron máis inconvenientes. Por fortuna, a incidencia foi pequena, explican os técnicos. «Apareceron algunhas manchas de mildiu nalgunhas explotacións, pero por agora non hai afeccións relevantes», asegura Diego García, director técnico de Paco & Lola. «Os que estiveron atentos e deron tratamentos non teñen case nada», engade Alberto Barral, de Condes de Albarei. Ambos coinciden en que os viticultores teñen que estar moi atentos para aplicar os tratamentos, pois durante os próximos días daranse de novo condicións para que esta se reproduza.

Problemas ocasionaron tamén os temporais. «O vento da hai unhas semanas rompeu bastantes pámpanos e nalgún caso hai rotura e deterioro da vexetación», asegura García. «Hai follas danadas pola sarabia de hai semanas e o vento da semana pasada rompeu algúns brotes, pero aínda está por ver se vai influír na floración», engade Barral. Está previsto que, a finais deste mes, Rías Baixas entre no proceso de floración. E, para entón, os técnicos confían en que haxa unhas condicións meteorolóxicas máis tranquilas. «O ideal sería ter bo tempo», asegura Barral. A colleita deste ano vai, por agora, con máis dunha semana de adianto.