Patrocinado por Patrocinadopor

Un referente nos Irmandiños e fervente defensor do movemento cooperativo agrogandeiro

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO RIBADEO / LA VOZ

SOMOS AGRO

XAIME RAMALLAL

José Sancosme faleceu en Ribadeo aos 88 anos. Foi socio fundador da cooperativa e o seu presidente entre os anos 1993 e 2010

22 oct 2021 . Actualizado ás 09:50 h.

O nome de José Sancosme (Sancosmed) Iglesias irá sempre ligado á historia do movemento cooperativo agrogandeiro de Galicia. Aos 88 anos faleceu o martes en Piñeira (Ribadeo), onde traballou como gandeiro e agricultor. Nese municipio está a sede dos Irmandiños, integrada desde finais de 2016 xunto con Feiraco e Melisanto na cooperativa CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas).

Sancosme foi un dos socios fundadores da cooperativa Os Irmandiños. Foi nomeado tesoureiro o 22 de marzo de 1976 e reelixido o 2 de febreiro de 1977, permanecendo no mesmo cargo ata o 27 de agosto de 1981. Anos despois, concretamente o 30 de outubro de 1993 foi proclamado presidente, función que desempeñou ata o 22 de xuño de 2010. Testemuña en primeira liña, viviu a consolidación e a expansión da cooperativa en boa parte da provincia lucense e do Occidente asturiano.

Quen lle coñecían ben e traballaron de xeito conxunto con el, destacan de Sancosme —tamén coñecido a nivel local como Pepe, de Casa O Barbeiro de Piñeira— a súa gran intelixencia e a súa empatía, «algo que lle facilitaba a súa relación cos demais».

Pero sin duda, o gran valor de Sancosme era o ser un fervente defensor do movemento cooperativo. Sempre abandeirou a importancia da participación e a colaboración con outras cooperativas. «Dedicoulle moitas horas ao movemento cooperativo, e especialmente a Os Irmandiños. Recordámolo con moito cariño», manifestan desde CLUN, presidida actualmente por José Anxo Blanco .

Na súa etapa a cargo de Os Irmandiños puxéronse en marcha e consolidáronse boa parte dos servizos actuais da cooperativa, que foi diversificando a súa actividade. Tamén achegou Sancosme ao desenvolvemento e ao crecemento de proxectos como Delagro, Artesáns Gandeiros... ademais de presidir durante moitos anos as asembleas anuais onde se facía balance económico e abordábanse novos proxectos cos cooperativistas. A estas, seguíanlle as comidas de confraternidade que reunían a máis de mil persoas.

Con 74 anos, no 2008, concedía unha entrevista a La Voz na que falaba dos duros inicios da cooperativa e na que nunha frase resumía como encaraba os proxectos: «Sempre se busca o beneficio común para os socios».

Na súa faceta pública menos coñecida, figura o ter sido edil do BNG, xunto con Eduardo Gutiérrez no Concello ribadense: «Dotado dunha gran intelixencia, destacaría del, sobre todo, o boa persoa que era. Sempre falaba da importancia da dignificación do mundo do agro», lembraba este xoves o alcalde Fernando Suárez.