Patrocinado por Patrocinadopor

Herbón agarda unha boa campaña de pementos en produción e venda

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

MERCE ARES

Os bruscos cambios de tempo dos últimos días condicionan a colleita

22 jun 2021 . Actualizado ás 00:25 h.

O cambio brusco do tempo, incluídas as temperaturas, afecta ao campo e o cultivo do pemento de Herbón non é unha excepción, tal e como explican desde o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP), que preside Milagros González. As altas temperaturas de días atrás propiciaron que as plantas «se enchesen de crías», co que agora están cheas de flor, o que favoreceu un incremento importante da produción.

«Para ser mes de xuño xa vai habendo bastante pemento», sinala a produtora adherida á Sociedade Agraria de Transformación A Pementeira. «A semana pasada custaba poder atender todos os pedidos, pero nesta aumentou a cantidade», relata en alusión á primeira parte da semana, cando fixo tanto calor.

Non obstante, os últimos días foron de cambios bruscos da meteoroloxía, incluída unha notable baixada da temperatura, o que non só repercute nunha menor cantidade de pemento, senón tamén en que favorece a aparición de pragas coma o pulgón, segundo conta a produtora. «O cambio tan brusco de temperaturas trae as pragas todas», asegura Milagros González. Para evitalas, os produtores están coa denominada loita biolóxica, para o que usan insectos como o orius, un depredador doutros como o pulgón, este último letal para o cultivo.

Pero os cambios bruscos de temperaturas tamén inciden noutra característica do pemento de Herbón: o picor, que se ve reforzado. «Iso supón máis traballo para nós á hora de seleccionar o pemento para vender», explica a presidenta do Consello Regulador.

Polo de agora, a produción redúcese a cuberto, nos invernadoiros, pero o bo tempo de días atrás favoreceu o desenrolo das plantas ao aire libre polo que a produtora cre que dentro de dúas semanas se comezará a recoller no exterior.

En canto ás perspectivas da campaña, Milagros González asegura que son boas á vista de como están as plantas, ben desenroladas e con flor, polo que espera que, como mínimo, sexa como a tempada de 2020, en canto a produción e venda. «Pese a ser o ano da pandemia, foi unha sorpresa o ben que se vendeu o pemento de Herbón», afirma.

Baixo o amparo da Denominación de Orixe Protexida, que Milagros González preside dende hai tres anos, traballan uns 26 produtores de pementos de Herbón, xunto cuns oito envasadores. O ano pasado comercializaron 83.500 quilogramos de pementos coa DOP, de acordo con datos oficiais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).