Patrocinado por Patrocinadopor

Tres anos de paciencia, o tempo para pór a andar un cultivo ecolóxico

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

cedida

Marcos Castro recollerá en semanas a súa primeira produción de arándanos

13 abr 2021 . Actualizado ás 17:44 h.

Cando Marcos Castro decidiu vivir do campo tiña moi claro que quería facelo dunha forma sostible e respectuosa co medio ambiente. «Penso que nos estamos dando conta da importancia de introducir na nosa vida un estilo de vida saudable e beneficioso, e a tendencia do consumo en ecolóxico está en aumento», explica. Por iso apostou, desde o principio, pola produción ecolóxica. Tres anos tardou en pór a funcionar a súa explotación, que está a piques de conseguir todas as autorizacións para producir en ecolóxico. E, en cuestión de semanas, recollerá a súa primeira colleita de arándanos nunha leira de Maxide, na parroquia de Montecubeiro (Castroverde).

«Estiven buscando diferentes alternativas de cultivo e vin que o arando é un froito que está empezando e que está en auxe», argumenta. Aínda que en Galicia se consome maioritariamente en fresco, noutros países do Norte de Europa e Estados Unidos ten moitas máis aplicacións. «Tiña ganas dun cambio de aires e víalle futuro a este cultivo, así que busquei unha empresa que me facía a plantación», resume. Púxose ao choio. Outra cousa que tiña claro é que a súa produción debía ser en ecolóxico. «Somos un dos países con maior produción en ecolóxico pero non estamos á cabeza no consumo. O consumo per capita español son menos de 50 euros por ano por consumidor e noutros países de Europa, coma Suíza ou Dinamarca, cuadriplican este gasto na compra de produtos ecolóxicos», afirma. Todo iso o sabe porque buscou axuda. «Estou asesorado no que respecta á produción ecolóxica coa asesoria Agronovo que me informou a semana pasada ca Comisión Europea vai a poñer en marcha un plan para promocionar o consumo de produtos ecolóxicos entre os consumidores europeos, co cal esperamos que aumente o consumo nacional», recoñece.

Pór en marcha a súa nova plantación requiriu tempo. «As plantas veñen en convencional e tes que esperar tres anos para poder vender, pero mentres xa vas facendo todo ao mesmo tempo e cando as plantas están formadas é cando xa podes empezar a vender», conta. Agora, está a piques de obter a certificación. E tamén ten todo listo para sacar a súa primeira colleita ao mercado. «Non sabería facer unha estimación, pero temos algo menos de cinco hectáreas de terreo plantado e contamos con recolleitar uns oito mil quilos», asegura. Toda a produción a ten comprometida cunha empresa comercializadora. «Non teño capacidade nin estrutura para comercializar directamente. O ideal sería poder consumir produto de quilómetro cero, que se quedara por aquí, pero vai ser imposible», explica. Recoñece que «é unha tranquilidade saber que lle vamos poder dar saída a toda a froita que teñamos».

Co que xa non está tan tranquilo é coas condicións meteorolóxicas. «Estamos desexando ver como frutifican e cruzamos os dedos para que non veñan xeadas nin choivas fortes fóra de tempo que lle poidan facer dano ao froito, pero así é a agricultura, estar sempre á expectativa», engade. Tres anos despois, Marcos está satisfeito de ter apostado polo campo. Un mundo que xa coñecía e que sabía que lle gustaba. Aínda que recoñece que agora non é o mesmo. «Non é igual vir a pasear que ter a presión e a responsabilidade de sacar adiante un cultivo. Pero estou satisfeito, para nada arrepentido», asegura.

O contido da presente publicación representa unicamente as opinións do autor e é responsabilidade exclusiva de leste. A Comisión Europea non asume ningunha responsabilidade polo uso que puidese facerse da información contida no devandito material.