Patrocinado por Patrocinadopor

Os consellos reclaman axudas directas e máis campañas de promoción

La Voz

SOMOS AGRO

CEDIDA

Lembran que son uns dos moitos produtores primarios que están sufrindo as consecuencias do peche da hostalería

15 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Que deben facer as administracións para axudar ao sector vitícola galego a afrontar esta situación? As peticións son variadas e pasan por convocar axudas directas para que as adegas poidan facer fronte ás perdas que lles está ocasionado a urxencia sanitaria e por pór en marcha novas campañas de promoción, tanto no resto de España como en Europa, onde as denominacións teñen aos seus principais clientes.

«Cada bar que pecha é unha adega do Ribeiro que sofre», asegura Casares. Por iso está de acordo con que as axudas deben destinarse á hostalería, a principal damnificada pola crise sanitaria. Pero insiste tamén en que hai unha serie de produtores primarios, entre eles as adegas, que están sufrindo as consecuencias do peche da hostalería. Por iso considera que sería preciso pór en marcha unha liña de acción, «que nos axudara a recuperar a nosa cota de mercado», argumenta.

En Rías Baixas apostan, tamén, por pór en marcha campañas de promoción no mercado interior, isto é, en todo o ámbito da Unión Europea. «Agora, todos necesitamos vender en mercados que teñan un doado acceso porque as adegas necesitan un retorno rápido do seu investimento», explica Huidobro. Reclama, ademais, que se permita aumentar a porcentaxe de viño dunha anada que se poida mesturar coa outra, que actualmente está fixado nun 15 %.

Axudas directas ao sector. Iso é o que pide a denominación de orixe de Valdeorras. «Precisamos axudas directas ou indirectas que nos axuden a compensar as perdas», argumenta García Pando. Non está de acordo con que sexan necesarias subvencións para a promoción, pois lembra que todas as feiras se suspenderon, e aposta por repetir campañas como a de Mercaproximidade, que permitiu ás adegas colaborar coas cadeas de distribución para sacar adiante os seus produtos. E en Monterrei consideran que sería necesario pór en marcha un plan de recuperación para o sector primario, «porque o sector da hostalería é a porta de saída de moitos produtos. Se non hai recuperación do sector hostaleiro dificilmente se vai poder recuperar o do viño», engade. Nesta denominación de orixe tamén apostan pola promoción e aseguran que o consello regulador seguirá dando a coñecer os seus viños con actos repartidos por toda Galicia.