Patrocinado por Patrocinadopor

Os sabores do entroido seguen entusiasmando

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

SOMOS AGRO

Navia de Suarna se queda este año sin la fiesta dedicada a la androlla
Navia de Suarna queda este ano sen a festa dedicada á androlla MANUEL

Produtos cárnicos e vexetais continúan vendéndose, aínda que notan o peche da hostalería

09 feb 2021 . Actualizado ás 09:53 h.

Próximo xa o entroido, os cocidos mandan nos costumes gastronómicos durante varias semanas, e este ano, marcado polo covid-19 e polas súas consecuencias, parece similar, aínda que cun matiz. As vendas mantéñense en pequenas tendas e en supermercados, mentres que o peche dos negocios de hostalería é un golpe que acusan os que teñen eses establecementos entre os seus principais clientes. O que tamén parece claro é que a demanda dalgúns produtos típicos da provincia de Lugo está moi asentada en compradores que viven fóra de Galicia.

Entre quen recalcan o interese de consumidores de Madrid por produtos como o butelo e outros tamén elaborados con carne de porco está Iria Fernández, de Casa Castelao. Destaca que o negocio, con sede na Fonsagrada, vende a tendas e a grandes superficies e iniciou a distribución por Internet, con resultados que son satisfactorios: «Estamos a ter demanda», afirma.

A cadea de produción ten varias liñas, posto que, por exemplo, se envasan produtos con carne de ou porco celta selo ecolóxico, elaborados con animais criados en varias comarcas lucenses. A empresa, pola contra, apenas distribúe mercancía a negocios hostaleiros.

Mari Sánchez, de Embutidos Suarna, mostra unha impresión parecida. Os pedidos de diversas zonas de Galicia, así como de Madrid e de Barcelona, son habituais, di Sánchez. O peso da emigración a Cataluña foi notable en Navia de Suarna e noutros municipios dos Ancares, o que explica esa demanda. Butelos, androllas, chourizos e outros derivados porcinos teñen saída. «Do cocho, todo», comenta con bo humor.

No seu negocio, que está a piques de iniciar a distribución por Internet, si se notou que as restricións á mobilidade impostas polo coronavirus repercuten no ámbito máis próximo. A tenda, situada en Navia de Suarna, acusa a falta de clientes doutros municipios durante as fins de semana.

Os grelos tamén parecen venderse ben. José Manuel Fraga ten leiras con este cultivo en municipios como Vilalba, A Pastoriza ou Ribadeo, e prevé acabar a campaña tras ter recollido verdura nunhas 50 hectáreas. A gran parte da produción queda en Galicia, e mesmo o tempo deste ano, con xeadas e días fríos, axudou a unha colleita que, di, será mellor que a do 2020.

En cambio, hai negocios que si notan o peche hostaleiro. O fonsagradino José Luis Pérez (Embutidos Buenavista) asegura que sen actividade hostaleira é difícil vender produtos como a cacheira e que a falta de tempada de cocido en restaurantes da zona reflíctese nunha evidente baixada da distribución. Javier Miranda (de Hortícolas Miranda, de Riotorto) comenta que está a distribuír menos grelos que o ano pasado.