Patrocinado por Patrocinadopor

Os animais, a pastar ao monte

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

A Xunta rematará en febreiro a primeira fase do plan de pastos, que permitiu actuar en 560 hectáreas de 14 montes mancomunados galegos

26 ene 2021 . Actualizado ás 09:16 h.

A Consellería do Medio Rural ten a teoría de que mellorando o aproveitamento dos recursos naturais no monte pódese axudar a previr os incendios forestais. E iso é, precisamente, o que busca co Plan de Pastos de Galicia, un documento que se quere executar en catro fases para actuar nunha superficie de 2.250 hectáreas cun investimento de 9,5 millóns de euros. Durante o mes próximo está previsto que remate a primeira fase deste programa, segundo o informe presentado pola consellería ao Consello da Xunta, que permitiu actuar sobre 560 hectáreas pertencentes a 14 mancomunidades de montes diferentes. A idea é potenciar o aproveitamento multifuncional do monte, combinando a actividade gandeira e forestal.

Foi a onda de incendios do 2015 a que levou á comunidade de montes de Lucenza, en Cualedro (Ourense) a interesarse polo plan de pastos. «Surxiu a idea de traer cabalos para que nos limparan o monte», explica o seu presidente, Faustino Domínguez. Primeiro obtiveron axudas para pechar algunhas parcelas nas que, no canto de cabalos, acabaron instalando vacas cachenas. O proxecto foi crecendo aos poucos e, actualmente, teñen ea 49 destes animais e outros nove cabalos. O ano pasado, ademais, conseguiron unha das axudas do plan de pastos. E aínda que a pandemia atrasou os traballos, conseguiron crear unha extensión de 25 hectáreas «nunha zona na que había monte baixo». Alí plantaron herba «e creemos que en primavera poderemos iniciar o pastoreo», engade. Agora están a estudar se leste mesmo proxecto poden levalo a cabo noutra zona do monte.

Domínguez recoñece que o proxecto lles dá traballo, pois todo o levan a cabo os propios comuneiros, xa que por agora non lles dá para contratar a unha persoa. Pero tamén asegura que están encantados. «No noso pobo chegou a haber ata 600 vacas e agora non quedaba ningunha. Cando empezamos non había nada e o monte estaba abandonado», insiste. Agora están satisfeitos e aseguran que, desde que os animais coidan os seus terreos, non tiveron nin un só incendio. «Sabemos que algo se debe á sorte, pero dende que empezamos non ten ardido nada», engade. Explica que eles non teñen pretensións empresariais, nin de obter beneficios, pero si que aspiran a que os animais xeren ingresos suficientes que lles permitan manter o proxecto e, mesmo, contratar a unha persoa que lles axude coa tarefa. «Na nosa zona, os animais encargábanse de desbrozar os montes, pero desapareceron e o monte estaba abandonado, agora as vacas ocúpanse de facer ese desbroce natural», engade.

Nos montes da comunidade de Lucenza hai xa preto dun centenar de hectáreas de terreo que están pechadas, para que os animais poidan pastar nelas libremente, «e queremos ampliar máis», explica o presidente. Tamén solicitarán máis axudas do plan de pastos. O seu proxecto levou un dos premios Agader, dotado con 10.000 euros. E xa están a pensar en utilizar o galardón para comprar un tractor co que poder trasladar a herba que lles dan aos animais. Tamén lles construíron un pequeno galpón para que se acubillen. «Creemos que é unha iniciativa bonita, e ata a xente dos concellos de arredor ven ver as vacas. Ver o monte limpo é unha cousa necesaria», conclúe este comuneiro ourensán.