Patrocinado por Patrocinadopor

Apps que botan unha man no campo

M. Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

FAZRY ISMAIL

O uso da tecnoloxía para practicar a agricultura de precisión é o único método para optimizar os recursos dos que dispón o sector

04 may 2021 . Actualizado ás 17:40 h.

A superficie cultivada por habitante redúcese no mundo, pero cada vez hai máis persoas ás que alimentar. Con eses dous factores postos sobre a mesa pola Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), o único modo de que o resultado da ecuación sexa favorable é optimizando ao máximo os recursos dos que dispoñen os agricultores. Estes pasan, como explica o investigador do centro tecnolóxico de Ainia, Edgar Llop, por usar a tecnoloxía para practicar unha agricultura de precisión. «Cando a alguén lle falan disto pensa en drones, talvez por culpa nosa, pero vai moito máis alá. Este tipo de agricultura o que fai é utilizar datos para saber cando aplicar un fertilizante ou en que cantidades, coñecer cando pode haber un cambio climatolóxico que nos resulte desfavorable, saber o tamaño exacto das nosas leiras...», explica Llop. Porque o que fai a agricultura de precisión é axudar ao agricultor a ser máis eficiente. Non todo teñen que ser grandes desenvolvementos, Llop apunta que ata hai aplicacións gratuítas que poden axudar: «Só hai que ter un pouco de interese en formarse». Pero cal é a máis adecuada. Depende para que queira usarse ou tamén do nivel de desenvolvemento empresarial da explotación. Estas son algunhas das aplicacións máis usadas, tanto gratuítas como de pagamento:

  • A pé de campo. Desenvolvida pola Unión de Pequenas Agricultores (UPA), achega información do tempo ademais de axudar a xestionar o caderno de explotación que desde o 1 de xaneiro do 2014 teñen que encher todas as granxas. Tamén permite a través do módulo Campo Seguro realizar calquera xestión relacionada cos seguros agrarios, desde buscar o que mellor se adapta á granxa ou dar un parte de suceso.
  • Santander Agro. Posta en marcha polo Banco Santander, ademais de dar noticias do sector, ten acceso a lonxas, cotización das materias primas, axudas que poden beneficiar aos agricultores ou gandeiros, ademais de ofrecer acceso directo á banca electrónica.
  • Ifapa Guía. Desenvolvida pola Junta de Andalucía, ofrece información sobre pragas, os seus inimigos naturais ou que virus poden afectar as plantas de invernadoiro.
  • Agrotima. Permite levar un control permanente de toda a explotación ao poder acceder aos datos da granxa desde calquera lugar, calcula o custo de realizar unha tarefa.
  • Geofolia. Permite realizar todo o seguimento dos tratamentos realizados nas parcelas. Mesturas prohibidas de fitosanitarios, cantidades que deben de aplicarse.... O desenvolvedor é o grupo Isagri.
  • Cesens. o que fai esta apliación é monotorizar os distintos cultivos ao dar acceso aos datos agroclimaticos das estacións Cesens ou doutras de redes públicas de España en tempo real e desde o móbil.
  • Infoagrorural. Permite coñecer datos como o prezo dos produtos agrícolas ou gandeiros, do gasóleo B, ademais de dar avisos ou notificacións.
  • SatAgro. É unha aplicación web que permite aos agricultores a aplicación de técnicas de agricultura de precisión a partir de imaxes satélite. Deste xeito, como indican desde a compaña desenvolvedora do mesmo nome e que acaba de aterrar en España, «as explotacións agrícolas poden obter mellores rendementos das súas colleitas e ao mesmo tempo, optimizar os recursos empregados, especialmente fertilizantes e fitosanitarios». A idea, entre outras cousas, é que a produción agrícola sexa máis respectuosa co medio ambiente.