Patrocinado por Patrocinadopor

O Ribeiro ve moi necesarias iniciativas como a da Arnoia, de ofrecer terreos para viñedos

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

Santi M. Amil

O presidente lembra que en só no último ano, a denominación de orixe perdeu outras 70 hectáreas de vide

14 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A iniciativa do Concello da Arnoia, de pór a disposición dos interesadas 25 hectáreas de terreo para plantar viñedo, foi recibida cos brazos abertos polo Consello Regulador do Ribeiro. O seu presidente, Juan Casares, asegurou onte que este tipo de propostas «hai que apoialas e aplaudilas» porque precisamente un dos principais problemas que ten a denominación de orixe é a falta de viñedo. De feito, só durante o último ano ha perdido setenta hectáreas máis.

Ata o 2017, as estatísticas desta denominación de orixe dicían que había 5.700 viticultores e 2.300 hectáreas de viñedo amparadas. Pero, tras a posta en marcha dunha depuración e actualización dos censos, que levaban máis de 25 anos sen ser revisados, o consello atopouse con que só había activos 1.700 agricultores e 1.300 hectáreas de viñedo. Esta última cifra xa se recortou de novo, pois no último ano deixáronse de cultivar outras 70 hectáreas de viñedo. «Isto é xa unha rutina que está ameazando o futuro da denominación de orixe do Ribeiro tal e coma o coñecemos», engadiu Casares. O presidente da denominación de orixe sostén que, nos últimos anos, abandonáronse multitude de viñedos, sobre todo, porque os seus propietarios se xubilaron e non atoparon substitución. Pero iso non significa que eses viñedos queden a disposición de quen estea interesado en cultivalos. «Estase producindo a inmobilización da terra, porque eses viñedos non quedan a disposición de ninguén», engade.

Dinámica a combater

Precisamente contra esta dinámica é contra a que hai que loitar, sostén o presidente da denominación de orixe. Pola contra «o futuro do Ribeiro está en entredito». É por iso que quere mostrar o seu total respaldo á iniciativa posta en marcha pola Arnoia. O Concello que preside Rodrigo Aparicio anunciou que decidiu «pór a disposición das adegas e viticultores da denominación de orixe 20 hectáreas patrimoniais, así como outras 5 hectáreas de monte de utilidade pública do que tamén é propietario, para que poidan realizar plantacións de viñedo ante a necesidade imperiosa de dispor dunha maior superficie produtiva ante a grave situación de abandono dos viñedos por particulares, o que mingua a produción de uva do Ribeiro, pondo en perigo a continuidade da Denominación de Orixe».

«Eu aplaudo e apoio esa iniciativa da Arnoia. Creo que é un modelo a seguir no Ribeiro e no resto de Galicia», insiste Casares, quen quere deixar claro tamén que é importante que estas iniciativas leven a cabo en terreos amparados xa pola denominación de orixe. Na súa opinión, medidas como esta deben ser un exemplo a seguir e confía en que moitos outros municipios da zona fagan o mesmo. De paso, «pídolle á consellería que tamén apoie esta proposta». E anuncia que a súa intención é a de elaborar, durante o próximo ano, un catálogo das terras abandonadas que existen no Ribeiro. A súa intención é coñecer as parcelas que hai abandonadas e buscar fórmulas, co apoio de Medio Rural, para lograr mobilizalas.