Patrocinado por Patrocinadopor

En Galicia tamén se fala da rega

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

O cambio climático fai necesaria unha xestión eficiente da auga e por iso no centro de Guísamo impartiron un curso sobre os diferentes sistemas de achega de auga

27 sep 2020 . Actualizado ás 21:48 h.

Hai só uns anos, cando un se expuña a instalación dun xardín ou dun sistema de cultivo era raro que pensase na rega. «A xente se preguntaba para que ía poñer rego se aquí chove», conta Andrés Graña, profesor no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo. O cambio climático provocou que falar de sistemas de rega en Galicia xa non soe tan raro e por iso a Consellería do Medio Rural impartiu durante esta semana un curso que pretendía ensinar a profesionais e afeccionados a instalar o seu propio sistema de rega. E é que cada vez se fai máis necesaria unha xestión eficiente da auga.

«Os sistemas de rego hoxe en día son imprescindibles, o problema é que facer unha instalación require de certa inversión», explica Graña. Recoñece que o cambio climático está forzando a situación e que cada vez son máis os cultivos que precisan dunha achega de auga. «Pasa con kiwi, no que é preciso ter unha instalación de rego ben adaptada», sostén. Na súa opinión, os agricultores son tamén cada vez máis conscientes da necesidade de que as súas producións sexan cada vez máis rendibles. E a iso pode axudar un bo sistema de rega. «É coma na túa casa, ti podes vivir sen auga, pero non é o xeito de facelo», explica.

Calquera invernadoiro, por exemplo, debe contar cun sistema de rega en canto constrúese. Tamén debe instalarse en certos cultivos de horta ou nos xardíns, onde resulta imprescindible para manter o céspede. «Se vas ter un invernadoiro tes que ter asociado un sistema de rego e se vas plantexar un xardín, tamén», insiste. Se despois o tempo axuda e as precipitacións son abundantes é posible que non se precise desta achega extra de auga.

Máis eficientes

Graña asegura que «votar auga coa mangueira, non é regar. Iso é mollar». Porque unha parte importante a ter en conta cando se quere instalar a rega é «a eficiencia e a oportunidade. Temos que calcular o aporte de agua que vai precisar, en que lugar e en que momento se vai aplicar», sostén. Lembra que a auga é un ben cada vez máis escaso e de aí a importancia de que o sistema de rega sexa, sobre todo, eficaz. «A auga é cada vez máis escasa e por iso temos que utilizala na cantidade exacta e no momento oportuno. E tamén facer un reparto homoxéneo», engade. A iso axudan moito as novas tecnoloxías, pois hoxe en día hai sistemas programables e ata sensores que nos din a humidade do terreo e se é necesario ou non aplicar máis auga. «Cada vez contamos con sistemas que nos axudan a que o rego sexa máis eficaz e que teñen en conta as condicións meteorolóxicas», explica. Insiste en que «coma galegos temos conciencia de que aquí non hai problemas de auga, porque chove, pero o certo é que o cambio climático e a desertización van subindo e se prevé que nuns anos o clima de Galicia sexa como o de Cádiz». Por iso reitera a necesidade de facer un uso moito máis eficiente da auga na agricultura, algo ao que poden axudar moito todos os novos sistemas de rega. «O ouro do futuro será a auga», sostén.

O curso impartido en Guísamo desenvolveuse durante toda a semana e os participantes non só aprenderon nocións teóricas, senón que tamén puideron practicar a instalar pequenos sistemas de rega nun invernadoiro e nunha leira. «O primeiro día fixemos unha exposición teórica sobre o que son as presións e os caudais e lles ensinamos as pezas, como os aspersores ou os goteiros. Despois tivemos tres xornadas prácticas, nas que montaron unha liña de goteo no invernadoiro, abriron zanxas e meteron tuberías polo chan e tamén aprenderon a facer un plano para instalar un sistema de rego», conclúe. Listos para crear os seus propios sistemas de auga.