Tal e como se prevía, Medio Rural só recibiu sete peticións para a vendima en verde e outras dez para o almacenamento privado

M. Alfonso

O sector do viño galego foi un dos máis castigados pola urxencia sanitaria decretada polo covid-19. Dun día para outro, miles de adegas viron como a súa actividade se freaba en seco, pois deixaron de recibir pedidos polo peche da hostalería e a restauración. Co fin de paliar as terribles consecuencias que a crise ocasionou a este sector, o Ministerio de Agricultura publicou fai unhas semanas as medidas de urxencia para axudar a adegas e viticultores a afrontar esta situación, sobre todo, agora que a próxima vendima está ao virar a esquina. En Galicia , estas propostas recibiron as críticas dos consellos reguladores, as organizacións sindicais e a propia Consellería de Medio Rural. Todos estaban de acordo en que as subvencións ían ter pouca incidencia na comunidade, pois non estaban pensadas para un sector tan minifundista como o galego no que, ademais, a uva ten un elevado prezo. O tempo halles dado a razón. Pechado o prazo para presentar solicitudes, Medio Rural só recibiu 17. Dez delas son para o almacenamento privado de viño e, outras sete, para a vendima en verde. Galicia aspira, en total, a recibir 236.467 euros dunha partida que supera os 90 millóns.

Tres eran as fórmulas que o ministerio deseñou para subvencionar a actividade de viticultores e adegas. Para os primeiros habilitou a coñecida como vendima en verde, unha práctica que consiste en destruír a uva que hai nas parcelas a cambio dunha compensación económica. Segundo explicou Medio Rural no seu día, a proposta non estaba pensada para a comunidade, pois obrigaba a destruír a produción de parcelas enteiras e a que as leiras tivesen unha extensión mínima de 0,3 hectáreas, moi por amais da media das parcelas galegas. Pechado o prazo de admisión, na consellería só recibiron sete peticións para estas axudas, a pesar de que na comunidade hai máis de 13.000 profesionais da viticultura. Dos 10 millóns que se habilitaron en toda España para financiar esta práctica, os viticultores galegos solicitaron un total de 80.677 euros. Destas solicitudes, seis están adscritas á denominación de orixe Rías Baixas e outra a Monterrei . A superficie afectada supera as dez hectáreas.

Destilación de crise

O ministerio tamén apostou por financiar a destilación de crise para todo tipo de viños, isto é, pagar ás adegas por destinar os seus viños á destilación. Para este fin habilitáronse 65 millóns de euros, dos que Galicia nin recibirá nin un. E é que non houbo ninguén que solicitase acollerse a esta liña de subvencións, informan na consellería de Medio Rural.

Tal e como se prevía inicialmente, a proposta do ministerio que máis triunfou na comunidade galega foi a do almacenamento privado. Esta prevé bonificacións ás adegas por reter o produto rematado durante seis, nove ou doce meses de forma voluntaria, o que permite eliminar temporalmente o exceso de oferta do mercado. Dez adegas presentaron as súas solicitudes para acollerse a esta medida. Catro delas son de Rías Baixas, dous da Ribeira Sacra e outras tanto do Ribeiro, unha de Valdeorras e outra de Monterrei . En concreto, pediron axudas para almacenar 19.268 hectolitros de viño branco e 8.090 de tinto. As axudas ascenden, neste caso, a 155.790 euros, dos 15 millóns que presupuxo o ministerio para este fin.

Desde a Consellería do Medio Rural xa reclamaron ao ministerio que poña en marcha outro tipo de medidas máis específicas para axudar ao sector do viño galego. Esixen, en concreto, un plan de promoción específico e que sexan os consellos reguladores os que poidan levalo a cabo. Con iso buscan incrementar o consumo dun produto que, dun día para outro, viu como boa parte dos seus principais clientes desaparecían.