Patrocinado por Patrocinadopor

Os apicultores temen un repunte da velutina nas próximas semanas

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

Nido de velutina retirado
Nido de velutina retirado Zaira Pallas

Recoñecen que co confinamento non se fixeron as mesmas tarefas preventivas. Houbo dúas mortes por picaduras só este mes

25 may 2020 . Actualizado ás 20:42 h.

A velutina segue campando ás súas anchas en Galicia. E agora, un pouco máis. «Os concellos fixeron o trampeo, pero os particulares non. Por iso agora estamos a detectar nas nosas trampas moitas máis raíñas», explica Lolo Andrade, responsable de Protección Civil do Concello de Cambre. O confinamento impediu que moitos veciños levasen a cabo as tradicionais tarefas preventivas da primavera para evitar a expansión desta praga. E os apicultores témense que isto signifique un repunte da presenza da velutina durante os meses do verán. «A incidencia da praga a veremos nos meses de xullo, agosto e setembro, pero moi optimistas non hai que ser», engade Jesús Asorey, presidente da Asociación Galega de Apicultura. Na súa opinión, sería moito máis eficaz se levase a cabo unha tarefa coordinada entre todos os implicados na loita contra esta praga para evitar traxedias como a que se viviu esta fin de semana. Xa van dúas mortes este mes en Galicia por picaduras deste insecto.

Hai outras moitas circunstancias que inflúen na presenza da velutina en Galicia, recoñece Asorey. As condicións meteorolóxicas, por exemplo, son un factor importante para determinar a presenza desta praga. É por iso que desde a asociación están a detectar que «nalgúns sitios as trampas están capturando máis raíña ca outros anos. Pero noutros non», argumenta. Aínda así, móstrase preocupado. Considera que este ano, fixéronse moitas menos tarefas de trampeo, debido ao confinamento imposto polo estado de alarma. E teme que esa circunstancia se deixe sentir durante os meses de verán, cando a incidencia da praga é máis evidente.

«Polo que pasou esta primavera podemos prever que a situación vai ser máis alarmante e preocupante que noutros anos», engade. A súa asociación calcula que en toda Galicia existen ao redor de 100.000 niños desta especie, dos que Medio Rural só logra retirar ao redor de 25.000. «Calculamos que só se retira un 20 % do que hai. E creemos que a loita debería ser moito máis coordinada», argumenta. Aposta por unha maior colaboración entre todos os implicados para lograr que a loita contra esta especie sexa moito máis efectiva.

No Concello de Cambre, en cambio, están convencidos de que «o particular axuda moito porque nós non somos capaces a pór a miles de trampas que poñen os veciños», conta Andrade. A época ideal para levar a cabo esta tarefa preventiva coincidiu este ano en pleno confinamento, polo que moitas desas trampas quedaron sen colocar. «Agora, algunhas raíñas xa non caen nas trampas porque xa teñen feitos os seus niños», explica. Na súa opinión, os particulares aínda poden axudar a combater a esta especie. «Teñen que revisar ben as súas casas e as súas leiras para ver se hai niños embrionarios que son do tamaño dunha pelota de tenis. Se avisan canto antes evitaremos que o niño creza e sexa máis perigos», explica. Por iso anima a todos os que detecten estes niños a que dean aviso canto antes ao 012, para que veñan retiralos. 

Consellos para os agricultores: revisar a leira e levar un espray

Un agricultor perdeu a vida a pasada fin de semana por culpa da velutina. Andrade considera que estes profesionais deben ter especial coidado cando realizan tarefas de broza nas súas leiras. «Deben facer unha boa revisión da zona a rozar para comprobar se hai niños, porque por pasar ao lado non atacan», explica. Outras precaucións que deben tomar é a de cubrirse o pescozo e a cabeza, que son zonas especialmente sensibles ás picaduras. Tamén deben portar uns espray disuasorios, «que é un repelente que consegue sacarnos ás avespas de amais e darnos tempo a reaccionar», conta.

A opinión do experto: a incidencia do trampeo é pequena

«É predecivel que a menor utilización de trampas na primavera teña un efecto moi limitado. Todos vos estudos existentes demostran que a captura de raíñas non afecta á poboación de velutinas», explica o investigador Xulio Maside, que lidera o proxecto Atlantic-Positive sobre a velutina no que traballan as universidades de Santiago e Vigo. Na súa opinión, influirá o inverno pouco frío, que favoreceu que se mantivese a actividade en moitos niños ata finais de febreiro, ou as condicións meteorolóxicas dunha primavera que está a ser fría e húmida.