Patrocinado por Patrocinadopor

Pasos para deseñar a estratexia de dinamización do sector vitícola en Valdeorras

La Voz

SOMOS AGRO

LOLITA VÁZQUEZ

A fundación Juana de Vega pon en marcha a segunda fase dos encontros participativos que permitirán dar forma ao documento que tratará de canalizar o futuro das comarcas vitivinícolas galegas

05 mares 2020 . Actualizado ás 13:40 h.

A Fundación Juana de Vega é a encargada de elaborar o plan estratéxico para a dinamización das comarcas vitivinícolas galegas, unha tarefa que lle encargou a Xunta de Galicia o pasado mes de agosto. O proceso de confección deste documento comezou durante o pasado mes de novembro, cunha serie de encontros para coñecer a situación na que se atopa cada un das cinco denominacións de orixe que existen en Galicia, así como as indicacións xeográficas protexidas. Agora, o proxecto entrou xa na súa segunda fase. Os técnicos reuníronse onte con organizacións e institucións relacionadas coa denominación de orixe Valdeorras para celebrar o primeiro encontro en que se propoñen ideas e proxectos que poidan contribuír a esa dinamización.

La sesión de trabajo se celebró en la casa grande de Viloira en O Barco
A sesión de traballo celebrouse na casa grande de Viloira no Barco LOLITA VAZQUEZ

Na cita participaron viticultores e adegas, pero tamén representantes do consello regulador, rutas do viño, Deputación de Ourense, Clúster de Turismo de Galicia, consorcio de turismo, hostaleiros, axencias de viaxes, concellos, grupos de desenvolvemento rural, centros de investigación e de formación, entre outras entidades. A eles presentáronselles os principais eixos cos que se está traballando na elaboración da estratexia: viticultura e produción de uva, industrias e tipos de viños elaborados, comercialización e mercados, organización da cadea do viño e funcionamento da denominación de orixe, turismo e enoturismo e patrimonio natural, cultural e paisaxe. Explican na Fundación Juana de Vega que a metodoloxía empregada propicia un diálogo participativo que permite que afloren ideas, acordos e camiños de acción para o futuro destes territorios.

A este primeiro encontro celebrado en Valdeorras seguiranlle outros cinco similares nos outros territorios vitivinícolas de Galicia. O 11 de marzo os técnicos estarán en Rías Baixas e o 24 en Monterrei . O 26 de marzo desprazaranse á Ribeira Sacra, o 1 de abril ao Ribeiro e o 16 dese mesmo mes manterán un encontro con responsables das indicacións xeográficas.