Patrocinado por Patrocinadopor

Compensa o prezo da uva aos viticultores da Ribeira Sacra?

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

SOMOS AGRO

Entrada de uva en una bodega de Ribeira Sacra en la última vendimia
Entrada de uva nunha adega de Ribeira Sacra na última vendima ALBERTO LÓPEZ

A mencía págase mellor que noutras zonas, pero a súa rendibilidade está suxeita a un viticultor con outros ingresos

07 feb 2020 . Actualizado ás 10:16 h.

O Dow Jones da cotización da uva na Ribeira Sacra está en Reitoral de Amandi. Da súa política de prezos dependen en boa medida as contas dos viticultores, véndanlle a esa adega ou a calquera das máis de noventa inscritas no consello regulador. A influencia deste grupo empresarial non é ningún capricho. Dos 7,2 millóns de quilos que se cultivaron a pasada vendima ao redor de dúas entraron nas súas instalacións. Aos seus case 600 provedores non lles foi mal. A pesar da abundancia de uva, e de forma unilateral, Reitoral subiu este ano en dez céntimos o prezo do quilo de mencía.

Falar de uvas na Ribeira Sacra é falar de mencía. Desta variedade tinta recolléronse a pasada campaña 6.000.233 quilos, case o 85% do total. Reitoral paga máis por ela en Amandi, a subzona na que se sitúa. Alí pasou a valer 1,30 euros o quilo. Noutras zonas, menos escarpadas e con maiores rendementos, o prezo non baixou dun euro. A media sitúase na denominación de orixe ao redor de 1,20 euros. En plena campaña de mobilizacións no campo, a pregunta é obrigada: compensa ese prezo ao viticultor?

«Eu estou conforme co que me pagan pola uva, para min é rendible», di Carlos Losada. Traballa para unha adega de Rozavales e leva pola súa conta tres hectáreas de viñedo en diferentes puntos da denominación de orixe. Para esta produción propia ten catro compradores. «Non toda a mencía se pode pagar a 1,30 ou 1,40 [euros]. Eu procuro escapar da superprodución para ter unha uva da que podo esperar un prezo que me compense», sinala este viticultor.

Máis viña, máis gasto

Se Reitoral de Amandi sobe prezos, o resto das adegas tamén o fan. Para Carlos Losada, é importante que «compartan» cos viticultores o bo momento das vendas que deixa entrever a demanda de uva. Porque, a pesar de todo, a man de obra escasea casa vez máis nos viñedos en bancales. «Para vivir da viña necesitas catro ou cinco hectáreas. Pero esa superficie non a vendimas botando man da familia e dos amigos. Hai que contratar xente, no caso de que a atopes, e aí vaise a rendibilidade», apunta outro colleiteiro acollido á denominación de orixe.

Na Ribeira Sacra, a viña é fonte de ingresos complementarios. Pola contra, e aínda que sexan máis elevados que noutras zonas veciñas, os prezos da uva dificilmente compensarían ao viticultor. O peso dos viños novos na produción -por amais do 90% do total- é un condicionante engadido. «Aquí a uva ten que custar máis porque a orografía fai que a viña esixa máis horas de traballo. Pero o viño hai que vendelo e se falamos de viños do ano tes uns prezos que non podes perder de vista», opina Pedro Rodríguez, de Adega Guímaro. Dito doutro xeito: se un tinto mozo sae a catro euros de adega non se poden pagar tres pola uva por moito que os mereza.

O enfoque da produción a viños novos condiciona o que poden pagar as adegas

Menos burocracia e máis medidas de discriminación positiva, claves da substitución xeracional

Pedro Rodríguez ía para avogado pero decidiu coller as rendas da adega familiar na recta final dos seus estudos universitarios. A súa experiencia de todos estes anos en Adega Guímaro dille que hoxe outros moitos problemas, máis aló do prezo da uva, que condicionan a substitución xeracional na Ribeira Sacra. «Hai que poñer freo á burocracia. Non pode ser que dediques máis tempo ao papeleo que a traballar. Hoxe necesitas unha persoa dedicada a levar o tema da trazabilidade e as declaracións de produción e ventas», explica.

No caso da Ribeira Sacra bota en falta, polo demais, algún tipo de discriminación positiva fronte á crise demográfica. «A normativa xeral non vale para as zonas desfavorecidas. Unha posibilidade sería abaratar as cotas da Seguridade Social para que a diferenza repercuta na nómina do traballador», suxire o adegueiro.

A máis estable de Galicia

A produción vitícola na Ribeira Sacra ten unha serie de particularidades que a fan única. «O noso modelo pode resultar atípico, pero é o que temos e funciona», sostén o presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez. O traballo no viñedo é un complemento económico para a inmensa maioría dos preto de dous miles viticultores censados na denominación de orixe. «O último informe Nielsen que encargou a Xunta -prosegue Rodríguez- di entre outras cousas que somos a denominación máis estable das que hai en Galicia. Para min, é o dato máis relevante».