Patrocinado por Patrocinadopor

Vegalsa-Eroski pon en valor o leite galego

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

A compaña destacará nos seus establecementos comerciais a orixe dos seus produtos lácteos

22 ene 2020 . Actualizado ás 21:20 h.

«Leites Galegos, alimentamos a nosa contorna e apoiamos ós nosos gandeiros». Este é o lema que se poderá ver en todos os Eroski Center e Hipermercados Eroski de Galicia a partir de agora. E é que o grupo comercial quere pór en valor a orixe do seu leite cunha campaña que estará activa ao longo de todo este ano. O seu obxectivo é o de dar visibilidade nos seus lineais tanto aos leites con selo Galicia 100 % como ás de marca propia, Eroski e Bomilk, que envasan tamén produción desta comunidade.

Con esta medida, a compaña de distribución alimentaria continúa reforzando o seu compromiso pola produción local, fiel ao seu apoio a este sector crave de Galicia no que inviste máis de 18 millóns de euros ao ano. A iniciativa foi presentada onte no Eroski Center de Sarria, nun acto no que estiveron presentes representantes do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), das principais industrias leiteiras de Galicia e das organizacións agrarias. A campaña inclúe tamén unha comunicación especial no folleto comercial que xa está a disposición dos clientes desde o pasado xoves, día 16.

Enla presentación participou tamén o director xeral de Gandaría. Agricultura e Industrias Agroalimentaria, José Balseiros, quen agradeceu o esforzo de Vegalsa-Eroski por apoiar as producións agroalimentarias galegas. Asegurou que a promoción dos produtos de proximidade e calidade é unha parte esencial da responsabilidade corporativa, que redunda na sustentabilidade da produción agropecuaria e no respecto ao medio ambiente. E engadiu que destacar o leite producido en Galicia por parte desta cadea de supermercados facilitará o seu acceso para os consumidores que teñen en conta a procedencia dos produtos.

Eroski Vegalsa lembra que baixo a súa marca propia, e a través da sociedade Iberleche, envasa leite de orixe galega, contribuíndo así a garantir a sustentabilidade económica dos gandeiros galegos e lembra que as ganderías que colaboran están certificadas co selo de Benestar Animal de AENOR, que asegura unha boa alimentación, aloxamento, saúde e comportamentos das vacas. Os seus leites comercialízanse, ademais, en envases ECO PLUS, que supoñen un 28 % menos de emisións de dióxido de carbono que outros envases de cartón estándar. Teñen tamén unha pegada de carbono menor, ao estar fabricados cun 82 % de material renovable procedente de recursos sostibles.

Todas estas iniciativas, engaden na compaña, queren servir para remarcar o seu compromiso coa produción de proximidade e a súa implicación como dinamizador económico, convencida de que se os distribuidores galegos apostan polos produtos da terra estarase contribuíndo a que o sector agroalimentario galego ocupe o posto relevante que se merece.