Patrocinado por Patrocinadopor

Reclaman que a nova lei de impulso demográfico inclúa tamén ao rural

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

ANGEL MANSO

A Universidade da Coruña celebrou un seminario sobre políticas innovadoras de dinamización rural no que se apostou tamén por concentrar terras abandonadas e mobilizalas en conxunto para atraer investimentos ao campo

17 novs 2019 . Actualizado ás 19:50 h.

Que se pode facer para frear o despoboamento das zonas rurais? A esa pregunta trataron de responder os profesores de dereito e expertos nacionais e internacionais que desde o pasado xoves se deron cita na facultade de dereito da Universidade da Coruña. Baixo o título «Políticas innovadoras de dinamización rural en Galicia» celebrouse un seminario que analizou que políticas públicas son necesarias para un impulso demográfico ou que instrumentos xurídicos e económicos pódense pór en marcha para lograr un desenvolvemento sostible do medio rural. Os expertos a nalizaronleis como a de impulso demográfico, na que está a traballar a Xunta, e reclamaron que esta promova un crecemento demográfico equilibrado, é dicir, que afecte tanto ás cidades como ao medio rural. E apostaron por novas fórmulas que permitan mobilizar terras. Xa non serve a política do Banco de Terras, que oferta as leiras dunha nunha, é necesario mobilizar grandes extensións que permitan a implantación de proxectos agrícolas e gandeiros.

«A lei de impulso demográfico debe incorporar medidas que busquen o equilibrio da poboación, é dicir, que esta se distribúa de forma equilibrada por todo o territorio», asegurou o catedrático de Dereito Administrativo da Universidadee de Santiago de Compostela, Luis Míguez Macho. Considera que se normativas como esta teñen éxito, «e a poboación crece nas cidades, estaremos agravando o problema de despoboamento que temos no campo». Por iso aconsellaron ao Goberno galego, «e cónstanos que hai receptividade ás nosas propostas», que esa regulación faga especial fincapé en buscar o equilibrio e inclúa medidas «para incentivar que a poboación se distribúa de forma equilibrada por todo o territorio».

A mobilización de terras

Outra das cuestións que abordou este catedrático é a urxente necesidade de mobilizar terras no mundo rural. «O problema do abandono de terras é un problema grave social e ambiental», sostén. E iso implica que é urxente pór en marcha medidas de todo tipo que permitan devolver o uso a esas parcelas abandonadas. «A administración debe mediar entre os agricultores e gandeiros que precisan esas terras e os seus donos», argumentou. Apunta a que o Banco de Terras funcionou con éxito durante unha década, pero tamén a que este xa non é suficiente. «Actúa sobre as leiras individualmente e iso xa non chega cando temos grandes extensións de terreo que están completamente abandonadas», sostén. Neste sentido, aposta porque a administración delimite zonas onde haxa un interese por parte dos produtores para pór eses espazos en valor, póñase en contacto cos seus propietarios, ordene as parcelas e poña a disposición de agricultores e gandeiros grandes extensións de terreo. «Hai xa algúns proxectos experimentais de mobilización de polígonos agrícolas e forestais e por aí é por onde hai que ir», engade.

Míguez Macho argumenta que nunca estas políticas están pensadas para privar a ninguén da propiedade destes espazos, ao contrario, constitúen unha alternativa para que os donos poidan sacarlle un rendemento, mediante un prezo regulado pola Administración. O gran problema, argumenta, son aquelas leiras nas que se ignora quen é o seu propietario, porque a día de hoxe non hai instrumentos xurídicos que permitan facerse con elas. «Legalmente, esas terras abandonadas que non teñen propietarios coñecidos son do Estado, pero o problema é que este non as asume ata que nolas incorpora ao seu patrimonio e para iso tense que facer unha investigación individual de cada leira», argumenta. A dimensión do abandono é tal que á Administración lle resulta imposible abordar o problema, engade. Por iso argumenta que a tarefa debe ser «ir probando experiencias piloto en zonas onde a poboación está disposta a colaborar». Na súa opinión, mobilizar as terras resulta fundamental para que a xente se volva a instalar no medio rural.

Os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, as ferramentas da consellería

Os instrumentos xurídicos e económicos que se deben utilizar para conseguir un medio rural sostible centraron unha das mesas de debate do seminario, na que participou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois. Leste destacou que o fundamental é lograr o desenvolvemento integral do campo. Só así se poderá ter un rural «vivo, dinámico e sostible», no que se dean oportunidades para poder vivir nel e del. Por iso, engadiu, a consellería está a traballar con diferentes instrumentos que lle permitan conseguir que o campo galego sexa un lugar atractivo para a xente nova, para os emprendedores e para a xente maior.

Pérez Dubois debullou algunhas das iniciativas nas que está a traballar Medio Rural para dinamizar o campo. É o caso da futura lei de recuperación da terra agraria, que está pensada para impulsar figuras que buscan mellorar a calidade de vida no mundo rural, á vez que aposta pola súa dinamización. Así, esta norma permitirá pór en marcha os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e outros instrumentos de xestión conxunta. «Son ferramentas que nos permitirán ter un agro con oportunidades de futuro, de traballo e de calidade de vida», matizou o director xeral. De feito, insistiu, o obxectivo último desta lei é fomentar a recuperación das terras que actualmente están abandonadas e loitar contra ese problema facilitando, entre outras actuacións, o contacto entre os interesados en pór a producir eses terreos e os seus propietarios. Para iso incluiranse beneficios fiscais e outras medidas de fomento, procurando mellorar a base territorial das explotacións, crear e manter o emprego no rural e protexer o medio ambiente dos incendios forestais.