Patrocinado por Patrocinadopor

O xabaril en Galicia, un problema urxente

maria cedrón / josé manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS AGRO

FORO DE LA VOZ. Javier Nogueira, presidente de los cazadores gallegos; David Llorente, jefe de Tráfico en Ourense; Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural; Jacobo Feijoo, de Unións Agrarias, y Francisco Javier Molano, jefe del Sector de Tráfico de Galicia, reunidos en La Voz
FORO DE LA VOZ. Javier Nogueira, presidente dos cazadores galegos; David Llorente, xefe de Tráfico en Ourense; Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural; Jacobo Feijoo, de Unións Agrarias, e Francisco Javier Molano, xefe do Sector de Tráfico de Galicia, reunidos en La Voz VÍTOR MEJUTO

Case tres mil accidentes de tráfico ao ano, danos á agricultura, presenza en zonas urbanas. La Voz reuniu a un grupo de expertos para saber que se está facendo para buscar solucións

17 novs 2019 . Actualizado ás 18:52 h.

A principios do século XX cazar un xabaril en Galicia era noticia. Hoxe éo que esta especie cinexética converteuse nun dos principais problemas do tráfico en Galicia con 2.800 accidentes ao ano, que se deixe ver cada vez máis por zonas periurbanas e que cause graves danos en plantacións agrícolas. Por non falar de que é un dos vectores que transmiten a peste porcina africana, unha enfermidade que aínda que en Europa non traspasou as fronteiras belgas, si é un grave risco para o sector porcino.

O xabaril pasou a ser un problema social que transcende á comunidade. De aí a urxencia de acelerar o paso dentro da comisión de seguimento posta en marcha pola Xunta no 2016 para buscar unha solución, «porque a ten», aínda que agora haxa Administracións que ven superadas pola cantidade de recursos que teñen que dedicar ao impacto do xabaril.

Esa preocupación polo xabaril saíu a relucir no foro de expertos organizado por La Voz de Galicia no que participaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo; o tenente coronel xefe do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia, Francisco Javier Molano; o xefe provincial de Tráfico de Ourense, David Llorente; o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, e o secretario de desenvolvemento rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.

O control da poboación, un novo marco normativo adecuado ás novas circunstancias, o reforzo das medidas preventivas nas estradas, a monitorización dos movementos dos xabarís, a reforma dos plans de ordenación dos 454 terreos cinegéticamente ordenados (tecores), e a colaboración de deputacións e concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na limpeza de matogueiras e recollida de lixo, son asuntos que centraron un debate que deixou claro que estamos ante un grave problema. Hai moitos retos. O primeiro, coñecer o censo de xabarís e controlar a súa poboación.

Belén do campo

«Pedimos colaboración. É un problema de todos»

 Colaboración porque «é un problema de todos». Para solucionalo, apuntou Belén do Campo, «hai que cruzar datos» para ver que facer. Pero hai que traballar de forma conxunta e «igual tamén hai que modificar, ou non, algunha norma estatal». A directora xeral lembrou que o aumento de denuncias por danos pode ir da man dun aumento das axudas por parte da Xunta: «Tena que comunicar». Tamén lembrou que Galicia fixo cambios normativos que implican aos cazadores como permitir cuadrillas de oito persoas ou que cando un tecor non poida responder a unha acción de caza derivada dun aviso de dano, poidan acudir cazadores doutra zona co permiso do tecor. A directora xeral pediu tamén a colaboración da Fegamp e as Deputacións á hora de pedir aos concellos que manteñan limpas as zonas de matogueira ou os vertedoiros para evitar que os animais rolden as áreas periurbanas ou urbanas. 

javier nogueira

«O xabaril cambiou a vida social de Galicia»

«Galicia non está acostumbrada a convivir co xabaril». Javier Nogueira fixo esa reflexión antes de reivindicar o papel dos cazadores no control da especie para lograr unha convivencia sostible. E falou da importancia dos plans de ordenación dos tecores [a directora xeral dixo que serán revisados o ano que vén] para adaptalos á realidade do momento. Aínda que encomiou as medidas excepcionais postas en marcha por Medio Ambiente (unha delas é a caza libre nas comarcas de Viana, Terra Chá, Deza e Betanzos-Eume ao declaralas áreas de urxencia cinexética temporal), pediu maior axilidade á hora de executalas. Tamén tendeu a man á Administración para mellorar o traballo dos tecores naqueles casos que non funcionen como debesen. Sobre o asunto da responsabilidade dos accidentes de tráfico nos que onde estea implicado o xabaril, lembrou como lles custou «sangue e suor» cambiar a Lei de Caza, que librou aos tecores desa responsabilidade a menos que o accidente sexa durante unha acción de caza ou durante doce horas posteriores a ela.

 jacobo feijoo

«Ten que haber unha dirección central para vos tecores»

 «Os cazadores son indispensables, pero a caza ten que ser unha auténtica ferramenta de xestión». Neste sentido, Jacobo Feijoo entende como indispensable o que cualificou como «caza social» e usou a metáfora do director de orquestra para pedir unha dirección centralizada que coordine a actuación dos 454 tecores que hai en Galicia e que nalgúns casos, como expuxo cun exemplo, non responden as chamadas por danos dos agricultores coa celeridade necesaria. «Ten que haber unha única partitura», dixo o representante de Unións Agrarias para o que a procura dunha solución ao problema é moi urxente. 

francisco javier molano

«Se non o controlamos, o xabaril controlaranos a nós»

 «É urxente buscar solucións, porque, se non, o ano que vén volveremos estar falando do mesmo problema e sen arranxar nada. E pode chegar un momento no que como non o controlemos, será o xabaril o que nos controle a nós». O tenente coronel xefe do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia coñece ben os problemas que causan os xabarís nas estradas. Advirte que é un problema que vai en aumento e lembra que o ano pasado houbo máis de 2.800 accidentes con xabarís. Galicia, dixo, é a primeira comunidade en número de accidentes con animais por quilómetro cadrado.

Molano sinalou que a influencia dos accidentes con xabarís na seguridade das estradas evidencíase nun dobre sentido. De forma directa, cos danos sufridos no sinistro, ben sexan materiais, como a maioría dos casos, ou persoais; e de forma indirecta, porque para ese número tan elevado de sinistros hai que dedicar patrullas para todos os trámites administrativos necesarios, o que impide dedicar recursos a outras áreas máis importantes da seguridade viaria. O seu obxectivo é que os accidentes con xabarís deixen de ser noticia en Galicia.

david llorente

«Hai unha cifra negra de accidentes que non coñecemos»

 «Posiblemente, as colisións con animais sexan un dos problemas máis graves que temos no tráfico en Galicia. Non no sentido de danos persoais, pero si cuantitativamente», advirte o xefe provincial de Tráfico de Ourense, un territorio que, xunto á provincia de Lugo, é un dos máis afectadas pola irrupción de xabarís nas estradas. E asegura que non todos os accidentes se comunican, polo que advirte que «hai unha cifra negra de sinistros con xabarís que non coñecemos».

Tampouco el velle unha solución a curto prazo ao grave problema da accidentalidade provocada por xabarís, «polo menos desde as nosas competencias». Di que desde Tráfico sempre se intentan transmitir recomendacións paliativas aos condutores. Unha é que comproben que o seguro do coche cubra este tipo de accidentes. E outra, que é mellor embestir ao animal que intentar esquivalo. Lembra que os accidentes máis graves con animais producíronse ao intentar manobras evasivas».