Patrocinado por Patrocinadopor

Nace a marca Faba Verdina de Galicia

María Cuadrado Fernández
MARÍA CADRADO MONDOÑEDO / LA VOZ

SOMOS AGRO

XAIME RAMALLAL

Tres produtores impulsan o proxecto desde A Mariña e agardan vender co selo a partir de agosto

17 jun 2019 . Actualizado ás 09:54 h.

A marca Faba Verdina de Galicia naceu este venres e presentouse en Mondoñedo. Tres agricultores profesionais da Mariña integran unha agrupación de produtores que impulsan esta marca colectiva que busca dar maior visibilidade a este produto, proxectar a súa comercialización e lograr mellores prezos. Aseguran que a marca permite caracterizar o produto, identificar a súa procedencia, establecer un control de trazabilidade e darlle un maior valor engadido, e confían que ese valor lles permita atopar novos nichos de mercado sen renunciar aos actuais. Os agricultores Rocío Maseda, de Mondoñedo; Jesús Mosteiro, de Trabada e Alfonso Cartoy, con leiras en Lourenzá, presentaron a marca agradecendo todo o apoio recibido polo Concello mindoniense.

A rexedora Elena Candia recoñeceu que é un privilexio que «se pense en Mondoñedo como escenario para materializar este proxecto» e brindou o apoio municipal para «seguir contribuindo a que productos que nos representan polo mundo enteiro, como a faba verdina, se vinculen con esta comarca e nomeadamente con esta cidade». Neste sentido, lembrou que tamén desde o Concello apoiouse a creación da marca de calidade Horta de Mondoñedo e agora trabállase nun paquete de medidas de promoción. Pola súa banda, Zoila Gulín, avogada especialista en propiedade industrial, explicou que se solicitou a marca baixo a fórmula de marca colectiva. «O rexistro arrancou en maio para dous formatos de faba verdina, a faba fresca e a seca». Asegura que, entre outros obxectivos, coa marca búscase garantir ante o consumidor a orixe do produto e identificalo. Neste caso, apuntou, é especialmente importante porque este produto xa chega aos consumidores e moitas veces estes non saben de onde procede , onde se cultiva e onde se procesa. Gulín explicou que a marca conta cun regulamento de uso no que, entre outros requisitos, establécese quen son os titulares da marca e quen poderían ser usuarios da mesma, ademais de caracterizar o produto «que é dunha calidade moi elevada» e búscase que sexa homoxéneo cando chegue ao mercado.

O regulamento establece que os usuarios teñen que ser agricultores profesionais e que esta sexa a súa actividade principal. Tamén contempla as características do produto; de variedade verdina e que se recolle en estado inmaturo, de aí o seu pequeno tamaño e cor verde. Debe ter unha lonxitude de entre oito e dez milímetros, e unhas medidas máximas en canto ao grosor. Entre abril e xuño seméntase e, tras a colleita, as fabas verdinas sécanse seguindo un minucioso proceso. «A marca está aberta a quen cultive verdina e a quen cumpra os requisitos establecidos no regulamento», indicou a avogada Zoila Gulín.

XAIME RAMALLAL

A sede da marca está en Mondoñedo, aínda que os tres produtores que a impulsaron son de diferentes concellos. Entre os tres contan cunhas quince hectáreas sementadas desta variedade. «Iniciamos este proxecto entres os tres porque reuniamos certas condicións: Somos agricultores profesionais, dedicámonos á faba e temos moitas cousas en común. Somos de tres concellos distintos, pero estamos abertos a calquera produtor de calquera zona de Galicia», explicou Alfonso Cartoy, quen asegurou polo momento aínda non está definido ao 100 % se será ou non necesario formar parte da asociación para vincularse á marca.

Este produtor xa avanzou que a idea, a medio prazo, é envasar en pequenas cantidades para poder chegar a distintas áreas e traballar graneis, pero sempre abertos a todo tipo de comercialización en Galicia e no ámbito nacional.

Campaña

«A faba verdina vai ir identificada co selo da marca e a idea e que a próxima campaña empece a chegar ao mercado. Agora estamos na fase de sementar e a nosa idea é que empecemos a recoller esta variedade a partir de agosto, dependendo do ciclo e da climatoloxía», apuntou Cartoy. Despois terá lugar o secado, seleccionarase, superará a fase de conxelación e xa poderá pórse á venda. «A finais de agosto ou en setembro xa poderemos ter algunha partida de faba verdina seca. A seca é a que concentra a gran maioría da produción. A fresca é practicamente anecdótica», explica o produtor.

A finais de agosto ou en setembro xa poderemos ter algunha partida de faba verdina seca

Os expertos aseguran que, a nivel gastronómico, a faba verdina, tamén coñecida popularmente como a «faba do marisco» por ser empregada con peixes e mariscos, marida tamén con carne e con outros ingredientes. Neste sentido, os impulsores desta marca teñen en mente traballar con cociñeiros e elaborar receitas «para que a xente vexa que se pode preparar de moitas maneiras, en frío, en quente, en salpicón...». A faba verdina comercialízase en Galicia, en Madrid e en todo o norte peninsular, incluída Asturias, unha rexión que é unha gran consumidora deste artigo, segundo os produtores mariñáns.