Os refachos superarán durante as próximas 28 horas os 80 quilómetros por hora en toda a comunidade
08 dic 2025 . Actualizado á 18:46 h.Despois dunha breve tregua sen borrascas, este luns Galicia volverá estar baixo a influencia dun potente ciclón extratropical que circula polo Atlántico. De feito, pola perda de presión tan rápida e brusca pódese cualificar como explosiva. Entre este luns e o martes, a súa presión central descenderá desde os 984 aos 961 milibares, máis de 20 milibares en 24 horas.
Hoxe, luns, a súa presenza percibirase sobre todo a través do vento, que vai soprar con bastante intensidade. Meteogalicia avisa que practicamente en toda a comunidade os refachos superarán os 80 quilómetros por hora. A localización da borrasca provocará ademais un intenso mar de fondo. A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou un aviso laranxa en todo o litoral galego por ondas de ata seis metros. Agardan tamén algunhas precipitacións nas provincias atlánticas, pero serán puntuais e débiles.
O martes está prevista a chegada da fronte que vén da man da borrasca. É bastante activo e descargará con forza desde primeiras horas da mañá, especialmente na provincia de Pontevedra e o suroeste da Coruña, onde poderían acumularse polo menos 40 litros por metro cadrado en 12 horas. Agarda que avance rápido e, por tanto, durante a segunda metade da xornada, as precipitacións caerán con menos forza e de forma máis ocasional.
Ata as tres da tarde mantéñense os avisos por ventos intensos, que soprarán con máis forza no oeste da Coruña, con refachos por amais dos 100 quilómetros por hora. En canto ás temperaturas, os ventos do sur manterán as máxima por amais dos 17 graos e mínimas superando os dez.
O mércores regresa o grande ausente das últimas semanas: o anticiclón. Con todo, será unha reaparición un tanto tímida. O seu centro de acción continúa ao sur, entre as Azores e Canarias. Polo menos conseguirá promover algo de estabilidade mentres non chega a seguinte borrasca. O mércores e o xoves apenas agardan precipitacións e as temperaturas manteranse sen cambios xa que seguirá o vento do sur.
A próxima fronte entrará polo oeste durante a madrugada do venres e deixará choivas o resto da xornada. Sobre o que cabe agardar despois hai moita incerteza porque o anticiclón parece que entra nun escenario de querer e non poder. O seu comportamento durante os próximos días decidirá o tempo para a fin de semana.