Este sábado será de transición entre altas e baixas presiones con ceos cubertos e algunhas choivas, sobre todo a partir do mediodía
01 nov 2025 . Actualizado á 10:35 h.Fin de semana de Todos os Santos e Defuntos, e fin de semana de visita aos cemiterios. Tras unha semana de choivas, son moitos os que miran o ceo en Galicia para saber se poderán ir visitar aos seus sen cargar co paraugas.
Este sábado, Galicia quedará nunha xornada de transición entre as altas e as baixas presións con réxime de ventos de compoñente oeste. Segundo a previsión de Meteogalicia, agardan ceos parcialmente cubertos, con algúns chuvascos máis probables a partir do mediodía na provincia da Coruña e o norte de Lugo.
As temperaturas sufrirán un lixeiro a moderado descenso e o vento soprará frouxo de compoñente oeste, aumentando a moderado con refachos fortes ao final do día no litoral norte.
O domingo, a comunidade recupera a influencia das altas presións, con ventos que traerán humidade. Segundo a previsión de Meteogalicia, agarda que o ceo estea cuberto e que as choivas aparezan con pouca intensidade. Mañá choverá de forma ocasional, pero de forma pouco intensa. A zona con máis probabilidade de ter que abrir o paraugas será a provincia da Coruña, con precipitacións pola mañá na franxa costeira, que irán avanzando cara ao interior a medida que avance a xornada.
As temperaturas apenas se moverán en canto a valores, aínda que as mínimo baixarán un pouco.
Comezo da semana
Galicia recupera o luns un tempo máis estable. Aínda que a semana empezará con nubes pola mañá e con néboas no interior, pola tarde abriranse grandes claros. Especialmente nas provincias de Lugo e Ourense poderán gozar do sol.