A variante ómicron xa estaba nas augas residuais de Cataluña antes de detectala en Sudáfrica

La Voz

SOCIEDADE

YONHAP | efe

A doutora que a descubriu considera prematura a alarma internacional e, con todas as cautelas, admite que de momento parece un subtipo de virus menos agresivo

01 dic 2021 . Actualizado ás 16:47 h.

Cre Angeline Coetzee, a doutora surafricana que descubriu a nova variante do coronavirus, que o nivel ao que chegou a alarma internacional é prematuro, segura de que este subtipo do virus leva tempo circulando por varios países, que pouco sentido ten pechar fronteiras aéreas e endurecer os requisitos de entrada aos que chegan dos países do cono sur de África cando a ómicron xa está en Europa, en Asia oriental, en Norteamérica e mesmo en Latinoamérica. «Os Gobernos deberían impor a máscara obrigatoria e implementar medidas de distancia social e boa ventilación; as restricións de viaxe xa non serven porque a variante circula polo mundo probablemente desde hai semanas», considerou este mércores nunha entrevista na Cadena Ser. Leste mesmo mércores, o Departamento catalán de Saúde informou de que xa se detectou a ómicron nas augas residuais de zonas da comunidade nas últimas semanas de novembro, uns «indicios» que deberán ser confirmados nos próximos días, segundo explicou este mércores a secretaria de Saúde Pública, Carmen Cabezas.

Sudáfrica leva a mala fama e o repudio internacional, pero o certo é que os Países Baixos xa convivían coa ómicron antes de que Coetzee a secuenciase e Nixeria xa tiña casos en outubro. Despois de que Canadá detectase dous contagios da B.1.1.529 procedentes do país máis poboado do continente africano, as autoridades sanitarias nixerianas confirmaron este mércores que, efectivamente, polo menos tres das mostras recollidas xa no mes de outubro pertencen a esta mutación.

Tamén Arabia Saudita, Xapón, Noruega , Irlanda e Brasil notificaron casos nas últimas horas desta nova variante que, de momento, parece ser menos agresiva. A propia Coetzee recoñece que, polo menos nos pacientes aos que ela viu, provoca síntomas máis leves que as anteriores cepas e mesmo que o virus orixinal. Hai unhas semanas, a doutora, médico de familia en Pretoria, empezou a recibir pacientes coa «garganta irritada, cansazo e dor de corpo moderado», pero sen febre alta nin pulso descontrolado. Haberá que agardar para ver como se comporta en enfermos de idades avanzadas. Advirte Coetzee, iso si, de que está a demostrar ser moi contaxiosa: cando entra nun fogar, tres de cada catro membros da familia acaban infectados

Galicia, equipada para detectala

Aínda que de momento non se detectou ningín caso na comunidade, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou este mércores que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) dispón de equipos para realizar a PCR específica que identifica esta variante en «practicamente todos os seus hospitais».

Comesaña subliñou que os equipos para procesar mostras ampliáronse coa pandemia e diversificáronse para evitar a dependencia de provedores de todo tipo de subministracións. «En case todos os servizos de microbioloxía existe ese procesador que identifica esa variante. Saúde Pública xa está trabajanado na detección específica desta nova variante», confirmou.