Como queren pasar os galegos a súa vellez? En casa e con apoio tecnolóxico

redacción REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

ALBERTO LÓPEZ

Un de cada catro asegura que, no caso de ter que vivir en residencias ou en pisos tutelados, preferiría que a súa familia se involucrase o menos posible para «non resultarlles unha carga»

17 dic 2021 . Actualizado ás 19:12 h.

Parecía algo cantado, pero agora unha enquisa ponlle a cifra. Como queren ser coidados os galegos cando cheguen á vellez? No seu propio fogar, coidados de forma profesional e contando co servizo de apoio a domicilio (SAD) ou o servizo de teleasistencia. Polo menos así o prefiren o 46 % dos galegos que participaron nun estudo elaborado por Sonda para o grupo Clece a partir de 2.000 entrevistas realizadas en toda España a persoas de entre 55 e 75 anos.

A liberdade para organizar os seus propios horarios e saídas é o principal argumento de todos aqueles que prefiren permanecer no seu domicilio habitual durante a súa vellez.

«Os resultados obtidos non fan máis que ratificar algo que xa viñamos afirmando: o modelo de coidados actual ha de dirixirse a prolongar a autonomía dos nosos maiores para que permanezan o maior tempo posible nos seus domicilios e atrasar a entrada nas residencias», explica Ignacio Gamboa, director técnico de Servizos Sociais de Clece. «Para iso -engade- é fundamental impulsar melloras nos servizos de atención domiciliaria, sen esquecer a importancia das innovacións tecnolóxicas para potenciar esa autonomía e mellorar a calidade de vida».

No caso de que o seu nivel de autonomía non lles permita permanecer no seu domicilio, os enquisados ábrense a outras opcións, como as residencias de maiores ou os pisos tutelados».

No suposto de vivir nunha residencia, máis do 80 % asegura que lle gustaría facelo con persoas afíns e en grupos reducidos e sempre mantendo a súa capacidade de elección en determinadas cuestións, como invitar amigos e familiares e decidir a hora de levantarse ou deitarse.

A atención médica é o principal servizo de saúde que lles gustaría atopar nunha residencia a nove de cada dez enquisados.

Chama a atención o feito de que un de cada catro consultados preferiría que a súa familia se involucrase o menos posible, «para non resultarlles unha carga», no caso de que tivesen que vivir nunha residencia ou nun piso tutelado. E só un de cada catro, un 22 %, revela que quere que a súa familia si estea o máis involucrada posible ao longo da súa vellez.

A metade, iso si, desexaría que os seus familiares fosen visitalos de cando en vez, pero sempre respectando a súa intimidade.

En canto á tecnoloxía, máis da metade dos galegos agardan que xogue un papel importante á hora de mellorar a súa calidade de vida durante a vellez.

A profesionalidade e eficiencia dos seus futuros coidadores profesionais, xa sexa nunha residencia ou a través de servizos como o SAD ou a teleasistencia é o principal aspecto que valoran os enquisados (81 %), seguido da empatía e o trato próximo (74 %), que se teña en conta a súa opinión á hora de tomar decisións importantes relacionadas coa súa saúde (69 %) e os coñecementos médicos (56 %).

Respecto dos servizos de coidados públicos, máis do 70 % reclama que ofrezan maior variedade de modelos de estancia e convivencia, en función do grao de dependencia de cada persoa.