O novo tráiler de «A casa de papel»: «Aínda non estamos mortos»

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

Netflix

O próximo 3 de setembro estréase a primeira parte da quinta e última tempada da serie de Netflix

03 ago 2021 . Actualizado ás 10:28 h.

Un mes antes da súa estrea, Netflix publicaba o tráiler da agardada nova tempada da casa de papel, onde o equipo de ladróns máis famoso da televisión aparece contra as cordas, loitando contra todo por sobrevivir e cunha mensaxe clara: «Aínda non estamos mortos».

Cun profesor cazado e «sen pai, sen plan e sen esperanza» pero anunciando que loitarán «ata o final», os do mono vermello e a máscara de Dalí continúan encerrados no Banco de España.

O 3 de setembro e o 3 de decembro son as datas elixidas para a estrea dos dous volumes desta quinta e última tempada, que porán fin ao atraco máis famoso da historia da televisión española, unha serie que atrapou a millóns de seguidores en todo o mundo.

A historia continúa cando A Banda leva encerrada máis de cen horas no Banco de España e conseguiu rescatar a Lisboa, que se intúe como nova líder do grupo, pero viven un dos seus peores momentos tras ter perdido a un dos seus.

O Profesor revela que o Estanque de Tormentas foi descuberto por Sierra mentres o Coronel Tamayo anuncia que van intervir no atraco «militares dos que só saen vitoriosos ou mortos». Segundo avanzou un dos creadores da serie, Álex Pina, no primeiro volume traballouse «un xénero bélico extremo» para colocar á Banda contra as cordas, mentres que no segundo se centraron na emocionalidad dos personaxes e é, xa que logo, «unha viaxe polo seu mapa sentimental que nos conecta directamente coa despedida».