Emilia Millán, redeira: «Cosemos traxes para o mar»

Álex G. Fernández, S.B.

SOCIEDADE

La redeira Emilia Millán, en el puerto de Marín
A redeira Emilia Millán, no porto de Marín Pablo Fariña

Leva desde os 15 anos no oficio de redeira. Traballou en diferentes fábricas ata chegar a Marín, onde hoxe arranxa, sobre todo, redes para pesca de altura

04 ago 2021 . Actualizado ás 11:17 h.

Emilia Millán Riveiro é natural de Cangas do Morrazo, e traballa como redeira desde hai 40 anos. Non é o oficio máis coñecido, pero ten tanta tradición como a pesca mesma en Galicia. Emilia Millán fala do seu traballo con entusiasmo e paixón. Leva toda a súa vida no oficio, e conta que empezou por casualidade. «Empecei de nena, aos 15 anos. Había unha fábrica na miña aldea e necesitaban mozas para traballar. Nela eramos todas mulleres e alí confeccionabamos redes». As redes que producían nesta fábrica eran na súa maioría de nailon, e facíanse coa axuda de teares. Eran aparellos duns 80 metros que fabricaban desde cero por orde dos armadores.

Hoxe Emilia traballa no porto de Marín, nunha empresa dedicada a reparar redes. Aquí encárgase sobre todo de aparellos destinados á pesca de altura (de máis de 100 metros), e explica que este lugar é moi diferente a outros nos que traballou. «Ao meu gústame máis o novo que reparar o vello -conta- pero, a ver, a man de obra é a mesma. Nos aparellos de altura, neste tipo de arte, hai poucas mulleres. Cando traballaba en Vigo, onde estiven trinta anos, eramos todas mulleres. Ao chegar aquí estaba soa. Eran todos homes. Pero aos poucos ha ir cambiando».

Emilia adora a súa arte e por iso laméntase de que o oficio é en realidade pouco coñecido. «Non moita xente coñece este traballo. Eu coméntoo coas miñas compañeiras e ninguén sabe de redes nin de como se arranxan». Di non entender como a xente non se para a pensar de onde vén o peixe que consumimos, «Atópasche o peixe no teu prato, pero dalgún lado ten que vir». Así, a Emilia gústalle comparar o seu traballo co das costureiras. «As redes son o traxe que levan os barcos, os mariñeiros lárganas ao mar e grazas a elas pescar. Nós o que facemos é coser, reparar e fabricar eses traxes. Cosemos traxes para omar ».

Esta muller entende que ao principio o traballo pode intimidar, xa que o proceso de aprendizaxe é lento e continuo. «Non se aprende nun día, é un traballo no que tes que estar a aprender continuamente. Sobre todo no que se refire á pesca de baixura, en altura é sempre o mesmo», explica.

En baixura hai máis mulleres traballando como redeiras, mentres que en Marín, en altura, os homes superan ás mulleres. A redeira conta que, «aquí en Marín, traballando con homes, nun principio tesche que saber defender. Pero unha vez intégrasche pasas a ser unha máis».

Emilia, xunto coa súa compañeira Charo, lembra que os inicios nesta profesión son moi duros. Conta que á xente que empeza o traballo adóitalle intimidar ao principio. «A xente nova se desanima porque lles poñen a rozar», di Charo. E Emilia puntualiza: «Cando o aparello che vén do mar hai que desmontalo para volvelo a facer. E iso é o máis duro».

Co bo e co malo, Emilia Millán non perde a ilusión. E con 40 anos de actividade ás súas costas reitera que «é un traballo moi duro, que che ten que gustar. E ao meu encántame o meu oficio, facemos arte».