«Inside», un monólogo de humor en clave pandémica

e. carreira / M. P. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Bo Burnham, o cómico americano que arrasa en redes, protagoniza este especial, que gravou durante o confinamento

02 ago 2021 . Actualizado ás 10:28 h.

O covid deu un xiro importante e inesperado ás nosas vidas. Transformou o día a día e afectou tamén aos formatos de entretemento. Bo Burnham, o cómico americano que arrasa en redes, preguntábase, «como podería chancear en tempos como estes?».

O panorama mundial está máis tenso que nunca, pero unha virtude moi especial que temos os seres humanos é a capacidade de poder rirnos de case calquera cousa. Isto mesmo busca Burnham no seu especial Inside, gravado por ela na súa casa durante os meses de confinamento. Luces, cámara, acción: nun espazo de catro paredes e escasos metros cadrados pódese facer pura maxia.

Os seus case noventa minutos de duración encerran as claves da comedia de Burnham, dirixida cara ao público millenial: desde chistes plenamente autoconscientes, que o converten na diana do seu propio humor, ata a creación de espazos cómicos baseados en actuacións ao piano nunha especie de recital afiado e macabro, con bromas bobas que se asemellan máis aos chistes dun pai de familia que ao elaborado traballo dun cómico ao uso.

Todos estes detalles aliñan un show que trata temas tan dispares como a soidade, a chegada aos trinta, o sexting ou a conciencia do privilexio propio. Unha viaxe entre sentimentos que, a pesar de ser alleos, resoan nas mentes de todo aquel que non teña chegado á crucial barreira dos corenta.