Britney Spears inicia os trámites legais para sacarlle ao seu pai a tutela

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

MARIO ANZUONI | Reuters

A fortuna económica da cantante ascende a máis 50 millóns de euros

27 jul 2021 . Actualizado ás 09:30 h.

O novo avogado de Britney Spears, Mathew Rosengart, rexistrou este luns unha petición na Corte Superior de Los Ángeles para que un asesor financeiro remplace ao pai da cantante no control das finanzas. A designación do contable anularía os poderes que o pai de Britney, Jamie Spears, ten sobre a artista, xa que os aspectos médicos e persoais da súa tutela legal están supervisados pola xuíza Jody Montgomery desde hai máis de dous anos.

Ademais, o avogado tamén entregou informes favorables ao fin da tutela legal que controla a vida de Britney desde hai máis de 13 anos. «Podería chegar un momento en que se pida á Corte que considere se a tutela debe rematarse na súa totalidade e se, ademais de desposuír á súa filla da súa dignidade, autonomía e certas liberdades fundamentais, o señor Spears tamén é culpable de malversación, danos ou outra acción legal na súa contra», indica un dos documentos obtidos polo diario The Hollywood Reporter.

«Con todo, aínda que a nosa investigación sobre estes temas e outros está activa e en curso, esta solicitude non pide ao Tribunal que aborde eses temas hoxe», engade o escrito.

De momento, o representante de Britney pediu que as súas finanzas pasen a estar controladas por Jason Rubin, un experto en contabilidade forense especializado en administrar «carteiras fiduciarias complexas» e con experiencia «en litixios financeiros por abuso de anciáns».

Así mesmo, o avogado solicitou que a potestade para autorizar que Britney asuma novos traballos -como actuacións en televisión, concertos ou gravacións- recaia en Rubin e non no pai.

A petición indica que as finanzas de Britney constan de  47,7millóns de euros en propiedades e 2,2 millóns  de euros en efectivo.

Hai dúas semanas, a Corte permitiu que Britney puidese elixir por primeira vez ao seu propio avogado, un cambio substancial que senta precedente na tutela despois das dimisións do seu anterior avogado designado, o seu representante artístico e o fondo de investimento que controlaba a súa riqueza xunto ao seu pai.

«A señora Spears sostén respetuosamente que, dado que a Corte recoñeceu na audiencia do 14 de xullo do 2021 que a señora Spears ten capacidade suficiente para elixir ao seu propio asesor legal, tamén ten capacidade suficiente para facer este nomeamento», alega agora o novo representante. As próximas audiencias do caso están previstas para finais setembro e mediados de decembro.

Ata agora, a tutela legal estaba dividida en dúas partes: o ámbito financeiro, controlado por Jamie Spears e un fondo de investimento que se retirou; e o aspecto persoal, tutelado por unha avogada chamada Jodi Montgomery, que pediu reforzos de seguridade tras recibir ameazas.

De momento, o pai e Montgomery son os únicos que seguen implicados no caso tras a dimisión do avogado que a xustiza designou no 2008 para representar os intereses de Britney, cuxa función quedou en dúbida durante o testemuño de finais de xuño no que a cantante asegurou que nunca lle deixou falar en contra dunha tutela que considera «abusiva».