O Sergas instala puntos móbiles para facer test de antígenos nas sete cidades

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

SOCIEDADE

PEPA LOSADA

Estarán operativos este sábado de 12 a 14 horas e de 17 a 20 con persoal de enfermería

23 jul 2021 . Actualizado ás 23:11 h.

Ante a necesidade de presentar o carné de vacinación , un certificado de ter pasado a enfermidade ou unha proba negativa de covid para acceder a todos os locais de lecer nocturno e a aqueles bares e restaurantes que están en concellos de nivel alto ou máximo de restricións, a Xunta decidiu habilitar mañá dispositivos móbiles nas sete cidades para facer test de antígenos e emitir o correspondente certificado. E é que os test que desde o xoves se venden sen receita nas farmacias galegas non serven como proba para presentar no acceso a estes locais, xa que se realizan sen supervisión e non é posible ter un documento que avale os seus resultados.

Estes dispositivos estarán esrte sábado en horario de 12 a 14 horas e de 17 a 20 e contarán con persoal de enfermería para realizar as probas. As localizacións son as seguintes: na Coruña instalarase na chaira do pavillón de deportes de Riazor; en Lugo estará na praza Maior; en Ourense na o Xardín do Posío; en Pontevedra na praza de España; en Santiago na praza Roxa; en Vigo na chaira do Náutico e en Ferrol na praza da Constitución. 

Ademais, a Xunta traballa cos catro colexios oficiais de farmacia para elaborar un protocolo que permita dar validez aos test de antígenos que se venden sen receita nestes establecementos, e que dese xeito se poidan presentar como certificado de acceso naquelas actividades que coa nova normativa necesitan unha proba negativa de coronavirus .