España suma 4.214 novos casos de coronavirus e outras 18 mortes

La Voz

SOCIEDADE

Martina Miser

A Rioxa, Murcia, Estremadura, Ceuta e Melilla pechan a semana sen falecidos

18 jun 2021 . Actualizado ás 18:08 h.

O Ministerio de Sanidade notificou este venres, tras facer reconto dos positivos detectados polas comunidades autónomas, 4.214 novos casos de coronavirus, dos que 1.895 foron diagnosticados nas últimas 24 horas e 2.319, en días previos e comunicados agora con atraso. Son 17 infeccións máis que onte e 72 máis que o pasado venres, e elevan a cifra total de contaxiados desde o inicio da pandemia a 3.757.442.

A incidencia acumulada sitúase así a 14 días en 95,91 casos por cada 100.000 habitantes, unha cifra moi similar á de onte (96,64), e a sete, en 43, valor no que leva instalado catro xornadas consecutivas. Desde o 1 de xuño o indicador a 14 días caeu en 23 puntos, pasando de 118 a 95 casos por cada 100.000 habitantes.

En canto aos falecidos, Sanidade rexistrou este venres outras 18 mortes máis que deben ser repartidas na serie histórica por data de defunción e que eleva o total de vítimas mortais a 80.652. Informa, ademais, o departamento de Carolina Darias que concretamente ao longo dos últimos sete días faleceron un total de 68 persoas con covid (19 delas en Andalucía e 15 en Madrid; A Rioxa, Murcia, Estremadura, Ceuta e Melilla pechan a semana sen falecidos).

Actualmente hai 2.856 pacientes ingresados por covid-19 en toda España, dos que 793 permanecen en coidados intensivos, ocupando o 8,46 % das camas de uci dispoñibles en todo o país.