Un río de humidade chega hoxe a Galicia

Xavier Fonseca Blanco
xavier fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

M.MORALEJO

As choivas máis intensas caerán durante a primeira metade da xornada e afectarán sobre todo ao litoral noroeste

15 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A previsión meteorolóxica prevista para esta fin de semana en Galicia empeorou nas últimas horas. Nada estraño, por outra banda. Se por algo se caracteriza a primavera é pola súa variabilidade atmosférica e pola dificultade para afinar co prognóstico a medio prazo. A configuración actual, co anticiclón dos Azores retirado ao sur e as borrascas circulando polo Atlántico complica aínda máis acertar coa previsión. Un lixeiro movemento arriba ou abaixo do sistema de altas ou das baixas presións pode alterar a situación por completo.

Para esta fin de semana agardábase un tempo húmido debido á circulación do oeste que xera precisamente a posición do anticiclón e as borrascas. A choiva estaba garantida, pero non demasiado. Con todo, a situación cambiou e agora agárdase un sábado con moita auga debido á chegada dun río atmosférico que canaliza a humidade tropical desde o Caribe directamente ata Galicia. Cando isto ocorre, as frontes asociadas ás borrascas sempre teñen máis capacidade para xerar precipitación.

Na súa conta de Twitter, os investigadores do Grupo de Física Non Lineal da Universidade de Santiago explicaron que «para que haxa choivas fortes necesítase unha gran cantidade de vapor de auga na atmosfera e fortes ascensos verticais do aire. No caso do sábado teremos moito do primeiro factor, pero pouco do segundo. Polo tanto, todo parece indicar que as chuvias serán abondantes, aínda que nada fora do normal. Se ese mesmo río atmosférico fose captado por unha borrasca importante, que organizase e concentrase toda esa humidade ao redor dunha fronte, a cantidade de precipitación que deixaría sería moito maior. Semella que non será o caso, pero cómpre estar atentos porque este tipo de situacións son propensas a dar sorpresas».

As choivas máis intensas caerán durante a primeira metade da xornada e afectarán sobre todo ao litoral noroeste. A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou un aviso amarelo na costa da Coruña ata as cinco da tarde por acumulacións de 40 litros por metro cadrado en 12 horas. Mañá, tras o paso da fronte activa, agárdanse ceos cubertos e precipitacións que tenderán a desaparecer co paso das horas.

A próxima semana, apréciase un reforzamento do anticiclón, aínda que sen nordés. Sen este vento, a pesar de ter estabilidade, pode haber moitos matices.