Once concellos da zona de Santiago levan sen covid 14 ou máis días e outros 3, unha semana

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

PACO RODRÍGUEZ

En Ames trátanse 44 persoas da nova enfermidade, 43 na capital e 407 na área sanitaria

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O estado de alarma finalizou con 14 municipios da zona de influencia de Santiago sen covid. En Val do Dubra, Arzúa e Dodro levan entre 7 e 14 días sen casos novos; e na Baña, Boimorto, Boqueixón, Frades, Negreira, O Pino, Rois, Santiso, Toques, Trazo e Vedra 14 ou máis días sen descubrirse ningún positivo. Onde máis pacientes están a tratamento é en Ames, 44 segundo indicou Sanidade ao Concello, e hoxe finaliza un cribado en Milladoiro, ao que están convocados 2.600 veciños. É tamén Ames onde máis casos novos se identificaron a última semana, 21, indica o Sergas. En Santiago permanecen 43 persoas a tratamento desde o xoves e descubríronse 16 casos os 7 últimos días.

Na área sanitaria de Santiago tratábanse onte 407 persoas desta nova enfermidade; é a cuarta con máis casos de Galicia, tras as de Vigo, A Coruña e Pontevedra. Era unha persoa menos que o venres, tras darse 19 altas as últimas 24 horas a persoas recuperadas e descubrirse 18 novos contagios do coronavirus. A maioría, 388, estaban a seguimento desde os seus domicilios. Os ingresos no CHUS descenderon a 19 (non baixaban da vintena desde o 9 de abril), tres na uci covid do Clínico.

Desde o inicio da pandemia, na área sanitaria tratáronse de covid 19.357 persoas, de quen 18.602 curaron e 360 faleceron, indica o Sergas. A última morte notificouse o 12 de abril. Nos 14 meses de pandemia realizáronse 342.057 probas PCR e 173.428 serológicas (1.506 e 387 o venres, respectivamente) para buscar casos asintomáticos.

En centros de ensino da área metropolitano hai 40 positivos (11 en Santiago e en Ames, 8 en Ordes, 3 en Melide e en Padrón, 2 en Teo e un en Oroso e en Santa Comba) e están pechadas 5 aulas: 2 na escola infantil de Milladoiro, unha na de Bertamiráns, outra na dos Tilos, e unha máis no colexio Pastor Barral de Melide.

Hostalería pechada e mercado limitado a alimentos, en Padrón 

ou. lópez

A entrada de Padrón en nivel máximo de restrición deixarase notar especialmente hoxe. O domingo é o día de máis actividade da semana na vila, pero hoxe será unha xornada totalmente atípica coa hostalería pechada e sen mercado ambulante, máis aló dos postos de alimentación.

A incidencia de casos estabilizouse a catorce días con 42 persoas infectadas mentres baixou a sete días (dezanove casos). O Sergas confirmou que no primeiro día do cribado da poboación participou o 74, 5 % dos citados. Falta por saber o dato do venres. En canto á hostalería e máis concretamente aos locais con licenza de restaurante, onte viviron unha situación peculiar ao ampliarse o horario de apertura, no seu caso, ata a unha da madrugada pero ás 00.00 horas entrou en vigor o nivel alto de restricións que lles obrigou a pechar.

Venda ambulante

Namentres, a decisión do Concello de limitar a venda do mercado aos postos de alimentación provocou o malestar da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos. O colectivo considera que o Concello discrimina ao comercio ambulante mentres o resto da actividade comercial está permitida no municipio. Tamén lembra que a feira de Padrón leva un ano «limitada ao 50% de comerciantes, mentres outros Concellos con mercados de similar tamaño se esforzan para buscar a mellor maneira de ampliar espazo e así facilitarlle o traballo a todo os ambulantes con licenza».