Lúa López: «Nos Estados Unidos estamos asistindo a un cambio de conciencia ambiental moi importante»

SOCIEDADE

*

A investigadora en xenética ecolóxica na Universidade Estatal de California asegura que As Fragas do Eume ten unha biodiversidade única en Europa.

22 abr 2021 . Actualizado ás 17:11 h.

O noso planeta non pasa polo seu mellor momento. No Día da Terra resulta máis necesario ca nunca lembralo. O cambio global ameaza o equilibrio natural de múltiples xeitos: crise climática, perda da biodiversidade e acidificación dos océanos, entre outros.

O mundo sobrevivirá. Nós non. Pero hoxe tamén resulta conveniente destacar que unha revolución se abre camiño de forma imparable. Entre as novas xeracións está espertando unha conciencia ecolóxica que permite albergar o futuro con esperanza. Un cambio de mentalidade do que Lúa López é testemuña cada día cando traballa cos seus alumnos na Universidade Estatal de California. Hai que lembrar que Estados Unidos é a segunda potencia con maior impacto ambiental e como di a propia Lúa «queima petróleo como se non houbese un mañá». Por iso, o que conta a bióloga galega é tan importante. «A poboación que hai na miña Universidade non existe en ningún outro lugar do país. O 85 % son os primeiros universitarios nas súas familias e a maioría emigrantes. É dicir, veñen de familias cun nivel cultural moi baixo. Sen embargo, están tan motivados que conciencian aos seus pais para mudar os hábitos», confesa.

Lúa asegura que este espertar non é exclusivo da costa oeste dos Estados Unidos. Hai un ano vivía en Nova York. «Cada vez se valora moitísimo máis ter parques naturais para ir a camiñar», apunta. A nova administración ha dado, ademais, un impulso decisivo. «Biden está propoñendo a lexislación máis ambiciosa da historia a nivel medioambiental», engade.

O cambio que se require para afrontar a crise ecolóxica debe vir da cidadanía porque a ciencia non pode resolver por si soa un problema destas dimensións. Sábeo ben Lúa, que investiga nun dos campos de estudo máis prometedores: a xenética aplicada á ecoloxía. Científicos de todo o mundo traballan para tratar de crear plantas que sexan máis resistentes ás secas ou que absorban máis dióxido de carbono da atmosfera. 

«Actualmente o que estou facendo chámase xenética antiga. Obteño adn de plantas almacenadas en museos e vexo os cambios xenéticos que experimentaron debido a alteracións ambientais. Mirar ao pasado sirve para predicir que rexións do xenoma poden responder mellor ás alteracións e así xerar despois cultivos xenéticamente modificados que sexan máis resistentes», explica.

Sobre a mala fama dos cultivos alterados aclara que «a xente pensa que son raros porque se fan nun laboratorio con pipetas, pero os nosos avós xa mesturaban plantas que daban bos tomates con outras que sabían que eran máis resistentes. Moitos dos alimentos como o brócoli ou o millo son cultivos que os humanos fomos modificando a nivel de agricultura. Ademais, no referente a saúde non supón ningún risco».

A biodiversidade de Galicia

Lúa dedicou a súa tese doutoral a estudar especies da costa galega e descubriu que teñen pouca variedade xenética. «Isto significa que ante cambios rápidos non van a ter capacidade de reaccionar», lamenta. Sobre a paisaxe galega deixa unha mensaxe positiva e unha advertencia. «As Fragas do Eume é o bosque atlántico mellor conservado de Europa e ten unha riqueza de biodiversidade única, igual que todo o territorio en xeral, pero se foi modificando ao longo dos anos debido a introdución do eucalipto. Esta especie alterou tanto o ecosistema que hoxe é o seu propio. Agora xa non paga a pena tratar de recuperalo. Hai que deixalo tal e como está, pero non plantar máis. Non podemos retroceder 3.000 anos, a época dos romanos, porque tanto o ecosistema coma nós xa non somos os mesmos. O que temos que mudar é a nosa relación coa natureza, facela máis sostible», recoñece.