O monte galego que sabe a mel

Xosé Ameixeiras
Xosé Ameixeiras CARBALLO

SOCIEDADE

X. Ameixeiras

O monte Faro de Vimianzo é lugar de misterios e escenario de lendas e de contos de lobos, pero tamén o máis doce do Finisterre. Durante séculos albergou decenas de alvarizas monumentais agora esquecidas.

27 abr 2021 . Actualizado ás 19:15 h.

Non é un monte, é un mundo. Os cabalos pastan libres e son compañeiros do vento nestas paraxes, nos que un día se perdeu unha nena e os habitantes dos arredores puxéronse a buscala. quedou durmida e espertou no ceo, como dixo o cura no enterro. Foi entón, naquela procura, cando emerxeron alvarizas monumentais que os máis vellos lembraban, pero que quedaron cubertas de novo polo esquecemento e os toxos. Auténticas alfaias etnográficas esparexidas polo Faro e outros montes da contorna que volven á actualidade polo esforzo de xentes como a muxiana Carmen Toba Trillo, que as busca con afán, ou o carantoñés Manuel Oanes, un trotador dos bosques ao que nin os toxos de dous metros poñen freo.

Hai máis de dúas ducias destes colmenares de vello no Faro e os seus arredores, como Castrobuxán ou O Foxo. Expándense ás beiras de regueiros susurradores, ás veces ocultos entre as arboledas e a vexetación que creceu libre da man do home durante decenios e ás veces alborotados baixando acelerados entre rocas e mesmo formado pequenas fervenzas. Son o Rego dás Borrallas e o Rego Mourelo. E xusto onde casan ambos está a raíña de todas, nunha parcela do monte Aberto, con acceso máis doado desde Carantoña. Xunto a unha pequena ponte de pedra permanece case inalterable unha maxestosa construción rural de 224 metros cadrados nunha contorna dominada por eucaliptos e piñeiros e salpicado por saeiros e boj. Respírase recollemento e primavera oculta. No interior, unha especie de construcións de inspiración dolménica disponse en seis filas de laxas. Ao seu abrigo, no interior aínda quedan vellos cilindros de cortiza ou pezas rectangulares de madeira. Suman ao redor dun centenar estes habitáculos e no interior dalgúns deles aínda permanecen abellas aventureiras. Á edificación principal úneselle outra anexa na que se deixaba o cabalo mentres os donos operaban nas colmeas.

Seguindo Rego Borrallas arriba, e navegando entre un mar de maleza, hai outras sete máis. Xa a poucos metros hai outro exemplar, arquitectónicamente menos sofisticado. Neste caso a estrutura é lineal. A terceira volve ser grandiosa e está adornada por un peral silvestre en flor. É outro cercado ben forxado de cantería e portal de acceso, xusto onde o Borrallas faise máis cantareiro e nos días de choiva do inverno forma pequenas fervenzas. No interior, moitas de cámpalas ou filas de laxas desapareceron xa ou están ocultas debaixo da maleza. Hai cinco máis augas arriba, de distinto porte e importancia, algunhas explotadas ata tempo recente. Seguindo o outro regato, a pequena conca do Mourelo está sementada de vellos colmenares. No monte Mourelo hai unha auténtica factoría do mel, con alvarizas antigas e modernas (430 07' 22'' N 090 04' 25'' W). Logo está a de Bartolo, un gran cercado (430 07' 13'' N 090 05' 05'' W). E en Cova Ladróns hai catro. Alí está a máis longa, xunto ao Rego do Monso, de 51 metros (430 06' 35'' N 090 04' 04'' W). A vella arquitectura rural en todo o seu esplendor.