David Sabater Sales, campión da liga profesional española: cazatalentos galego para o videoxogo máis xogado

SOCIEDADE

UCAM esports club

O UCAM Esports Club gañou, co coruñés como xestor, a súa primeira Superliga, elite nacional do coloso League of Legends

01 abr 2021 . Actualizado ás 10:47 h.

Estaba a piques de tomar a vez dos seus pais na charcutería do mercado coruñés de Monte Alto, mentres seguía estudando Administración e Dirección de Empresas na UDC. Pero nese momento chegoulle un correo electrónico. O mail que cambiou a súa vida. David Sabater (A Coruña, 1995) tiña sobre a mesa virtual unha oferta máis que real: ser o xestor do Penguins de Ourense, equipo de e-sports. Aceptou.

«Díxenlles aos meus pais que se podía vivir disto, que tiña futuro», lembra. Ese futuro deparou unha absorción do club por parte da UCAM de Murcia e coa súa Esports Club logrou a Superliga organizada pola Liga de Videoxogos Profesional e proclamouse campión nacional do League of Legends, o videoxogo máis popular. Apeou en semifinais ao equipo con máis arraigamento, o Vodafone Giants; e na final ao Team Real Betis (vinculado ao club de fútbol). Desde o día 14 xogará o Europeo, canteira da verdadeira elite desta actividade, as ligas franquiciadas (hai, por videoxogos , as de Europa, Norteamérica, Corea, China , Oceanía, Turquía, Brasil e Latinoamérica).

David Sabater xa tiña experiencia como xogador semiprofesional (do Call of Duty, con só 17 anos) e como comentarista, pero este éxito chégalle como xestor (o seu punto forte no sector) dun club formado por un membro da República Checa, un neerlandés, tres portugueses e dous españois. Todos viven en Murcia, nun amplo chalé de tres plantas. Para o galego, encargado non só de realizar as fichaxes e contratos, senón tamén da loxística das viaxes e o día a día dos xogadores, «o contacto persoal é fundamental». Asegúrao o coordinador dun grupo que dedica a súa vida, profesionalmente, a competir nun mundo intangible, pero que posúe un psicólogo e un preparador físico para facer fronte ás necesidades máis palpables. «Como calquera outro deportista tradicional», compara Sabater, que tamén viviu ese ámbito desde a práctica afeccionada.

Por iso tomba o estereotipo do perfil de profesional que se dedica aos e-sports. «Tamén dispomos de analistas de datos, con coñecementos de programación», apunta. «Abarcámolo todo, porque non é un traballo de oficina. Tamén é a súa afección. Adéstranse tres horas ao día individualmente e cinco en equipo, ata completar a súa xornada laboral, pero a maiores pásanse cinco máis pola súa conta. En competición, están en máxima tensión física e mental. As series de play off poden durar cinco horas con apenas dez minutos de descanso entre partidas. Reséntese a mente, pero tamén as bonecas, os brazos e as costas», explica.

Ese é o prezo que deben pagar os xogadores, que antes da pandemia eran capaces de reunir a miles de espectadores en grandes recintos para os eventos que se celebraban, principalmente no centro e sur de España, con Barcelona e Bilbao como excepcións norteñas.

No outro extremo do balance contable, contratos que van desde o salario mínimo ata os cinco mil euros mensuais para as estrelas do League of Legends. Máis aló do diñeiro, David Sabater proxecta os seus obxectivos. «Gustaríame asentarme e ter seguridade. En Murcia teño unha boa calidade de vida. É certo que os xogadores envellecen peor que os profesionais con outros labores. Isto come moito tempo. Cada vez que che mudas deixas a túa vida atrás. Non se vive mal disto, pero se que acabarei dando prioridade ao persoal para poder traballar a distancia, desde a miña terra», reflexiona.