Nove municipios da área metropolitana compostelá levan polo menos unha semana libres de covid

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

XOAN A. ADOITAR

No cribado da USC detectáronse onte dous novos positivos e a participación non acadou o 50 %

03 mares 2021 . Actualizado ás 10:54 h.

 Nove dos 25 municipios da área metropolitana de Santiago levan polo menos unha semana sen ningún caso novo de covid-19. Son os de Boqueixón, Dodro, Frades, Negreira, O Pino, Santiso, Toques, Touro e Val do Dubra, segundo os datos que facilita hoxe o Sergas. A información reflexa un descenso notable en todos na última semana, excepto en Tordoia, que mantén a mesma incidencia acumulada. En todo caso, os 25 atópanse agora con cifras equivalentes a menos de 250 casos por cada 100.000 habitantes, polo que se achan fóra do risco extremo de transmisión do coronavirus.

XOAN A. ADOITAR

Entre os municipios con melloría máis considerable na evolución da pandemia está Santiago. A capital ten 76 novos casos acumulados nos últimos 14 días, pero descenden a 32 se se considera a última semana, con redución en ambos os indicadores. Santiso é o municipio que levan máis tempo libre de casos novos de coronavirus, case un mes; e en Touro, Toques, Frades, Dodro e Boqueixón máis dunha semana.

Outros dous positivos na USC

Na área sanitaria, a evolución mantén a tendencia dos últimos días: redución de novos casos, pero un descenso máis lento na diminución dos ingresos máis graves nos hospitais. No cribado que se realiza na USC, e que continúa hoxe e mañá, onte citáronse 4.970 estudantes e participaron o 49 %. Detectáronse dous novos positivos, informa a xerencia da área sanitaria. Utilízanse test de antígenos, polo que o resultado se coñece en poucos minutos.

Nos 46 municipios da área sanitaria están a tratamento 519 persoas desta nova enfermidade, son 35 menos que as indicadas onte polo Sergas. Nas últimas 24 horas curaron 52, e confirmáronse 17 novos contagios, segundo as cifras notificadas esta mañá. Aínda permanecen 60 persoas ingresadas por presentar síntomas máis graves: 15 áchanse internadas en unidades de coidados críticos do Hospital Clínico, son 3 menos que onte; e 45 máis (7 máis que onte) noutras unidades de hospitalización: 43 tamén do Clínico e 2 de HM Rosaleda. Nas últimas 24 horas o Sergas comunica que se realizaron 2.736 probas serológicas e 640 PCR para detectar casos asintomáticos de covid-19.