Santiago sae do risco extremo de transmisión do covid despois de 42 días

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

PACO RODRÍGUEZ

A maioría dos municipios da área metropolitana compostelá están xa nesa situación máis favorable. A pandemia mantén o descenso e redúcense os ingresos en hospitais

18 feb 2021 . Actualizado ás 11:09 h.

Santiago saíu da situación de risco extremo de transmisión do covid-19, segundo os datos que difunde hoxe o Sergas. Nos últimos 14 días detectáronse por probas diagnósticas 233 casos novos desta enfermidade, que equivalen a menos de 250 positivos por cada 100.000 habitantes (Santiago ten pouco máis de 98.000). Consegue establecerse así nun indicador máis favorable. Faino despois de 42 días, pois a última vez que estivo nesa situación foi o 7 de xaneiro, e tras semanas de restricións e medidas preventivas para mellorar o crecemento da pandemia, que remite desde finais de xaneiro.

Oroso (14 novos casos os últimos 14 días) e Boimorto (entre 1 e 9, ao baixar de 10 o Sergas non concreta) tamén se suman hoxe aos municipios que saen dese risco extremo. Son xa 13, a maioría dos 25 da área metropolitana compostelá. Os outros dez, que xa estaban onte, continúan con descenso de novos casos nas dúas últimas semanas e as cifras que facilita agora o Sergas para eles son as seguintes: 44 en Ames , 38 en Teo , 13 en Santa Comba, 11 en Negreira , e entre 1 e 9 na Baña, Melide, O Pino, Santiso, Touro e Vedra.

Os outros 12 mantéñense en situación de risco extremo de transmisión do covid-19, aínda que os seus datos son inferiores aos máximos deste mes. As cifras que facilita hoxe o Sergas son: 42 novos casos acumulados os últimos 14 días en Arzúa , 20 en Boqueixón , 21 en Brión ,  20 en Dodro , 62 en Ordes , 33 en Padrón , 32 en Rois , 20 en Tordoia , 17 en Trazo , 16 en Val do Dubra, e entre 1 e 9 en Frades e en Toques .

 Menos pacientes ingresados

Os pacientes de covid máis graves que precisan ingreso hospitalario reducíronse unha xornada máis. Agora son 119: 25 áchanse en unidades de coidados críticos do Hospital Clínico; e 94 máis (92 tamén no Clínico e 2 en HM Rosaleda) noutras unidades de hospitalización convencional.

Debido ao descenso de ingresos de covid nos últimos días, unha das cinco unidades de hospitalización convencional que utilizaba o Clínico nas últimas semanas para ingresar persoas con esta nova enfermidade -provista de 36 camas- cambiou o seu uso e destínase agora para internar a pacientes operados. Os pacientes de covid ingresados nesas unidades descenderon desde o máximo de 150 do 1 de febreiro. Ao dispor de máis camas prevese un incremento importante da actividade dos quirófanos. Este mes, debido á presión do covid, a primeira semana a actividade cirúrxica reduciuse un 36 %, a segunda semana un 32 % e esta se semana prevese finalizala con pouco máis do 20 % de redución, para normalizar progresivamente as cifras. Así o explica o director asistencial da área sanitaria, Alfonso Varela. Ademais, se persiste a evolución actual, a próxima semana agardan destinar tamén a pacientes operados outra unidade de 36 camas, afirma.

O problema maior para operar máis é a falta de prazas para coidados críticos, agrega Varela. Seguen ocupadas tres unidades con pacientes desta nova enfermidade: a uci específica de covid, a que se utilizaba para pacientes non covid, e a reanimación. Iso provocou que se acondicionase como zona de reanimación para pacientes operados a de espertar, xunto aos quirófanos. Valórase reorganizar as tres unidades de críticos ocupadas con covid segundo os pacientes dean negativo de covid, aínda que precisen seguir nunha uci, subliña Varela.

 Descenso de casos

A evolución da pandemia mantense á baixa nos 46 municipios da área sanitaria. O Sergas informa que, ás 18.00 horas do mércores (últimos datos dispoñibles), reducíronse 118 positivos máis, ata 1.351 persoas a tratamento. Santiago xa é a cuarta área sanitaria galega con máis casos. Séguena superando as da Coruña, Vigo e, desde esta semana, tamén Pontevedra, onde baixa menos a incidencia. Nas últimas 24 horas déronse 159 altas a persoas curadas, e detectáronse 40 novos contagios de covid-19. Ademais, efectuáronse máis de 1.350 probas -1.069 PCR e 349 serológicas- para buscar casos asintomáticos.

No covidauto situado xunto ao Hospital Gil Casares realízase un cribado a alumnado e persoal do colexio La Salle, que finaliza hoxe. Están citadas 1.500 persoas para participar nas probas. Antes do descanso por entroidos había nese centro 11 positivos e unha aula pechada.