Un videoxogo recreará a catedral de Santiago na época da Idade Media

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

«The Waylanders» está dispoñible en sete idiomas desde hoxe, entre eles galego

25 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O videoxogo galego TheWaylanders , un xogo de rol creado polo estudo coruñés Gato Salvaxe, recreará a cidade de Santiago de Compostela na Idade Media. A trama de Compostela, que estará dispoñible dentro duns meses coa versión completa, recrea a cidade na época medieval, con especial atención á catedral, tanto no interior como o exterior, con detalles recoñecibles como o Pórtico da Gloria, o botafumeiro e referencias aos deseños do Mestre Mateo.

«Aínda queda traballo, a catedral supuxo un esforzo importante, non só é un elemento figurativo, toda a parte interior é son escenarios de xogo», explica Fernando Prieto, socio e produtor executivo de Gato Salvaxe Studio. «Gustaríanos poder incorporar as policromías que tiña o Pórtico da Gloria e o coro pétreo, do Mestre Mateo», avanza, explicando que a parte da catedral románica do século XII xa está lista. «Vimos algunhas recreacións, pero isto de poder meterse dentro, poder percorrela, non. E é moi realista», engade.

Polo momento desde Gato Salvaxe avanzaron un tráiler desta trama centrada en Compostela e que tamén mostrará con todo luxo de detalles os campos de cultivos que rodeaban a cidade, a zona onde tiñan lugar as xustas, o cárcere ou a taberna, entre outras.

O videoxogo saíu á venda en xuño do 2020 en acceso anticipado, unha modalidade que posibilita comezar a xogar antes do lanzamento final e completo, que neste caso está previsto para dentro duns meses. «O acceso anticipado permite que a propia comunidade de xogadores participe na creación do xogo e que nos poidan comentar que partes quere cambiar e cales gústanlle máis», detalla Prieto.

Dispoñible tamén en galego

A actualización do videoxogo deste luns engade seis novos idiomas, algo que permitirá levar as lendas celtas de Galicia polo resto do mundo. O videoxogo estará dispoñible en inglés, ruso, chinés, francés, alemán, español e galego. «Oxalá poidamos REVISAR sacar máis, porque creemos que canto máis che achegas ao teu público, mellor. Fixemos o esforzo de traducilo a galego porque a historia das nosas lendas, dos nosos mitos e o noso patrimonio cultural que menos que estivese en galego que é a nosa lingua. Por un compromiso coa nosa cultura», afirma.

The Waylanders están inspirado nos mitos e lendas celtas. O videoxogo narra unha épica historia de fantasía na que se combinan personaxes da cultura celta galega e irlandesa. A catedral de Santiago non é único monumento recoñecible que aparece nel. Tamén saen outros lugares como a torre de Hércules, o Ézaro e varios castros celtas, ademais das Medulas, en León.