Chantada e a Terra de Lemos mídense en «Come a comarca»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Polbo á prancha e recoiro de galo celta deciden ou paso á final provincial de Lugo, que se emite esta noite na TVG a partir dás 23.25 horas

20 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Ribeira Sacra é a espectacular paisaxe que comparten as comarcas protagonistas da nova batalla de Come a comarca, este mércores ás 23.25 horas, en TVG. Trátase de Chantada e a Terra de Lemos. O presentador do espazo, Fran Cañotas, percorrerá as fermosas ribeiras do río Miño, que pasa ao carón de Chantada; e as do Cabe, en Monforte, para dar cos seus mellores cociñeiros. Nesta zona, son omnipresentes as vides da viticultura heroica, que rematan en mencías e godellos excelentes.

Pero non só de bos caldos presumen ámbalas dúas zonas. En Chantada, a búsqueda dos mellores profesionais dos fogóns ten parada en Airas Moniz, explotación de vacas jersey que pode presumir de elaborar o mellor queixo azul de España. Os espectadores percorrerán ademais en barca o Miño, con parada no Cabo do Mundo, o famoso meandro que o curso das augas fan xa preto de O Saviñao. Esa curva fluvial é unha das paisaxes máis icónicas da redonda. Pola súa banda, a Terra de Lemos será zona de traballo labrego onde haberá que recoller nabizas nas leiras de María Castaña, produtores de agricultura ecolóxica. E se de premios se trata, en Bóveda, visitarase Gutrei Galicia, medalla de ouro no campionato do mundo da carne.

Cando Cañotas complete os equipos comarcais, con cadanseus cinco cociñeiras e cociñeiros, chegará o prato forte de Come A Comarca As Batallas: o duelo entre as dúas formacións, onde só unha acadará a clasificación. En xogo, disputar a final provincial de Lugo fronte á Terra Chá. Para facelo terán que elaborar o menú proposto polos xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea. Polbo á prancha, galo celta e unha torta de laranxa son un adianto do que vai ocorrer nos fogóns. Porque os retos inesperados, habelos hainos, nesta loita gastronómica a contrarreloxo. A tensión será constante, e mesmo algún concursante chega a recriminarllo a Cañotas: «Non metas máis presión!». Darán feito todas as elaboracións? Cal será o sabor que máis lle guste ao xurado na cata a cegas?

O conxunto chantadino está capitaneado por Toño Lorenzo, de A Faragulla, e conta coa súa nai Ana María, de axudante experimentada. Roberto Iglesias, xerente de Os Pendellos; Michele Salucci, de rutas fluviais Quinta Sacra; e Xesús Mazaira, de Airas Moniz, completan a formación.

Os da Terra de Lemos teñen como xefe de equipo a Manuel Fernández, de Manuel Bistró, que terá de axudante a María del Carmen González. Acompáñannos Manuel Rodríguez, da Tapería Brancellao; Brais Gómez, de Trespés Comidas, e Petiscos e Manuel Moure, da Pastelería El Parque.

Dezaseis comarcas cos seus respectivos equipos de cociñeiros participan cada semana en Come a Comarca. As batallas, que reparte 20.000 euros en premios: 15.000 para o conxunto gañador e 5.000 para o finalista.