Un ciclón bautizado como Hortensia afectará a Galicia 37 anos despois

SOCIEDADE

Xavier Fonseca

A borrasca deixará durante a xornada deste venres fortes ventos e intensas choivas en toda a comunidade

20 ene 2021 . Actualizado ás 21:57 h.

Os rexistros da borrasca Gaetan superaron todas as expectativas. Os refachos acadaron os 139 quilómetros por hora na costa lucense e os 132 no litoral coruñés. Ademais, o vento está a soprar con forza de xeito xeneralizado. A fronte que cruzou a comunidade tamén deixou máis precipitación da agardada, con acumulados de ata 80 litros por metro cadrado en localidades como Santa Comba. Noutras moitas zonas da provincia da Coruña, os pluviómetros recolleron máis de 50 litros.

Mañá Galicia sentirá os efectos doutro ciclón extratropical que pasará preto da costa. Será outra xornada de choivas e ventos fortes. Meteogalicia activou un aviso de cor amarela nas catro provincias por refachos que volverán superar os oitenta quilómetros por hora. Ademais, súmase un aviso laranxa no litoral por ondas superiores aos sete metros de altura.

O venres agárdase un novo temporal. Xusto detrás da borrasca que afectará este xoves a Galicia, vén outra cunhas características moi parecidas. Trátase dun centro de baixas presións que non é demasiado profundo, pero que pasará moi preto e isto sempre se traduce en ventos que sopran con forza e choivas que caen con intensidade. De feito a Axencia Estatal de Meteoroloxía, ante o nivel de avisos, xa bautizou este ciclón como Hortensia, igual que a borrasca que xerou un temporal histórico na comunidade galega o 4 de outubro de 1984, aínda que en realidade o nome orixinal é en francés, Hortense. Hai que lembrar que a práctica recente de nomear ás borrascas xorde froito da colaboración entre as axencias de meteoroloxía de Francia, Portugal e España. Os efectos previstos non serán, nin moito menos, tan intensos como os que xerou hai 37 anos a mítica borrasca, que deixou unha pegada indeleble na memoria meteorolóxica colectiva.  

Mapa de presión correspondiente al 4 de octubre de 1984. El centro de la borrasca Hortensia estaba muy cerca de la costa de Galicia
Mapa de presión correspondente ao 4 de outubro de 1984. O centro da borrasca Hortensia estaba moi preto da costa de Galicia Meteociel

Naceu o 23 de setembro de 1984 no Atlantico Norte, concretamente nas Illas Bermudas. O que primeiro foi unha tormenta subtropical converteuse dous días despois, o 25 de setembro, en Furacán de categoría 1. Durante algúns días moveuse pola rexión sen xerar grandes danos e o 2 de outubro perdía forza ao noroeste dos Azores, convertidiéndose en ciclón extratropical, pero mantendo o nome. Con todo, horas despois puña rumbo a Galicia tras ter experimentado un proceso de ciclogénesis explosiva. O 4 de outubro transformouse xa nunha potente borrasca de 985 milibares que se situou fronte ás nosas costas. Os ventos acadaron os 150 quilómetros por hora e esnaquizaron todo ao seu paso. 

 

A Aemet decretou para este venres un aviso amarelo no interior da provincia de Pontevedra por acumulacións de polo menos 40 litros por metro cadrado en 12 horas. Ademais, colorea de amarelo toda a comunidade por refachos superiores aos 80 quilómetros por hora e con laranxa o interior de Pontevedra, onde se poderá superar a fronteira dos 100. Na costa, as ondas seguirán superando os seis metros.

O sábado chegará unha nova fronte fría, o terceiro de xeito consecutivo, durante a mañá, deixando ceos cubertos e choivas que serán especialmente intensas na franxa atlántica. A partir do mediodía haberá unha situación de chuvascos, probables en calquera punto. A cota de neve estará nos 1.100 metros a primeiras horas e irá en progresivo ascenso co avance do día. As temperaturas non experimentarán cambios significativos.

A partir do domingo Galicia quedará nunha zona intermedia entre o anticiclón que se situará ao norte das Illas Canarias e as borrascas que se seguirán movendo polo Atlántico norte. Así, a probabilidade de precipitación será alta especialmente nas provincias atlánticas debido á entrada dalgunha fronte que polo menos será menos activo que os desta semana. Paciencia e paraugas.