Na área sanitaria de Santiago curaron 6.000 pacientes de covid-19 e trátanse case mil máis

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

PACO RODRÍGUEZ

En novembro xa sandaron 1.584 pacientes desta enfermidade e foron indentificados 1.185 novos positivos

19 novs 2020 . Actualizado ás 20:54 h.

A área sanitaria de Santiago trata a 993 pacientes de covid-19, segundo datos do Sergas correspondentes ás 18.00 horas do mércores, os últimos dispoñibles. A cifra supón baixar de mil casos activos no día. Iso non ocorría desde o 23 de outubro: entón había 981 e acelerouse a escalada da segunda onda de pandemia, con 129 positivos ese mesmo día, o máximo ata agora nunha soa xornada. O 1 de novembro acadouse o pico de maior incidencia, con 1.372 pacientes covid a tratamento, e desde entón mantense unha tendencia ao descenso. Así, nos 18 primeiros días deste mes curaron 1.548 pacientes covid, sempre segundo os datos do Sergas, e onte superouse a barreira de 6.000 curados, en concreto 6.009, que son case o 84 % do total de 7.160 infeccións do novo coronavirus desde marzo. Aumenta de novo a porcentaxe de persoas curadas respecto ao total, ao darse máis altas de persoas recuperadas que de novos pacientes. Os novos pacientes diagnosticados nos que vai de mes son 1.185, 363 menos que o total de curados nese período.

Ademais, hai dúas persoas hospitalizadas menos, 55: 52 no Clínico, de quen 15 permanecen en coidados intensivos; e 3 máis en HM Rosaleda. O Sergas sinala que as últimas 24 horas detectáronse 67 novos positivos por probas PCR e houbo 84 altas de persoas curadas.

Boa evolución

Os datos confirman a boa evolución apuntada onte pola Consellería de Sanidade e o comité de expertos que asesora á Xunta sobre a pandemia. Destacaron que Santiago é a primeira das sete maiores cidades galegas que baixa de 200 positivos de covid-19 de incidencia acumulada. Este dato, e a presión hospitalaria, son centrais para adoptar restricións. De momento continúan as mesmas e seguramente seguirán polo menos ata o día 4.

En Santiago, nos últimos 3 días só houbo 16 casos, e a media sitúase en 5-6 diarios. O mesmo ocorre en Ames, Boqueixón, Brión, Val do Dubra. Ames e Teo, onde tamén baixaron substancialmente. A melloría é notable e obxectiva, aseguraron. Ademais destes municipios máis próximos, tamén Ordes saíu do nivel máximo de alerta, no que estivo os últimos días.

Pedro Rascado, médico de uci no CHUS e un dos asesores de Sanidade, destacou que hai mozos que ingresan en coidados críticos e apelou á responsabilidade individual. «Imos convivir co virus durante meses e temos que adaptar o noso comportamento a iso», afirmou. Tamén se sumou á prudencia na interpretación da evolución da situación: os datos fan pensar que as medidas empezan a funcionar, pero as unidades de críticos continúan sometidas a presión, apuntou. As medidas tan restritivas que se adoptaron «non van ser eficientes se no noso comportamento diario non somos conscientes do problema», insistiu.