Máis de 4.000 persoas xa curaron do covid-19 na área sanitaria de Santiago

La Voz

SOCIEDADE

XOAN A. ADOITAR

Agora trátanse 1.047 pacientes da nova enfermidade, con 74 ingresos en hospitais, 8 deles na uci do Clínico

24 oct 2020 . Actualizado ás 13:01 h.

Na área sanitaria de Santiago foron dadas de alta 57 persoas máis que curaron do covid-19. Son así 4.033 quen superaron xa esta nova enfermidade desde o inicio da pandemia nos 46 municipios adscritos á xerencia do Sergas en Santiago.

Os últimos datos, facilitados esta mañá, que reflicten a situación ás 18.00 horas do venres, refiren que hai 1.047 persoas a tratamento. Supoñen unha nova marca nunha xornada, tras confirmarse 118 novos positivos nas 1.410 probas PCR realizadas nas últimas 24 horas. O Clínico de Santiago mantense como o segundo hospital galego con máis persoas ingresadas por complicacións debidas a esta doenza: ten 8 na uci e 66 máis noutras unidades hospitalarias específicas. Ademais, hai outra persoa internada en HM Rosaleda; en total son 74 ingresadas. As 973 restantes, máis leves, áchanse a seguimento desde os seus lugares de residencia habitual.

Cribado en Santiago e Ames

A área sanitaria de Santiago cita para realizar esta fin de semana probas para detectar o covid-19 a 1.357 persoas de Milladoiro, no centro de saúde desta localidade de Ames; e a 792 máis, con idades entre 31 e 35 anos, que residen no Ensanche de Santiago, a quen atenderá na zona de Auto Covid, xunto ao Clínico.

En Milladoiro preténdese completar o cribado da súa poboación, iniciado fai unhas semanas, no que participaron o 65 % das persoas citadas. No Ensanche búscase detectar sobre todo pacientes asintomáticos, ante o aumento de casos nos que non se puido seguir a cadea epidemiolóxica, indica a xerencia. Estas probas pretenden identificar novos positivos de covid, sobre todo asintomáticos, para poder ofrecerlles tratamento e así contribuír a que non aumenten os contagios desta enfermidade.