Así afectan as restricións nas residencias

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Carlos Castro

Política Social e Sanidade manteñen en vigor un protocolo desde setembro que permite manter as visitas a pesar de que haxa un risco alto

21 oct 2020 . Actualizado ás 14:15 h.

Tres niveles de risco, tres xeitos de afrontar a situación, pero sempre mantendo as visitas e a actividade na medida do posible. Desde mediados de setembro, Galicia conta cun protocolo para os centros de día e residencias que blinda a posibilidade de visitas a pesar de que a situación epidemiolóxica se deteriore no concello no que están as residencias, sempre mantendo as medidas de prevención necesarias en cada caso. Ante a nova situación de restricións en Galicia, o conselleiro de Sanidade confirmou que continuarán rexéndose por este protocolo, realizado en conxunto con Política Social. Así funciona.

Nivel baixo de risco

Cando a situación é próxima á nova normalidade epidemiolóxica, nos centros residenciais permítese unha saída ao día e unha visita diaria de algunha das persoas de referencia que se asignaron á persoa de referencia. Iso si, a duración da visita é de máximo unha hora diaria e hai que acordala previamente para evitar aglomeracións. Sempre que sexa posible, as visitas realizaranse nun lugar aberta axardinado e debe habilitarse unha sala específica para as visitas próxima á zona de entrada, ventilada con aire exterior pero sen correntes. Debe haber circuíto de entrada e saída para evitar o contacto con outras persoas residentes. Despois de cada visita, haberá que ventilar e higienizar a sala. Todas estas medidas se flexibilizan no caso de situación final da vida, cando se escoitarán as necesidades e peticións do paciente seguiendo as medidas de seguridade establecidas.

No caso dos centros de día para persoas maiores, recoméndase non realizar actividades conxuntas fóra dos grupos estables de convivencia

Nivel medio de risco

É a situación na que entran con carácter xeral as residencias da comunidade, ao pasar a ter nivel 2 de restricións. No nivel medio a lista de persoas que poden realizar visitas en residencias redúcese a dúas persoas de referencia, que poderán acudir un máximo de dúas veces por semana. As saídas ao exterior do recinto pasan a ser de tres semanais e ademais redúcese á metade o persoal habitual que leva a cabo as actividades dentro do centro. O protocolo establece que se favorecerá o contacto diario con familiares e amigos a través de chamadas telefónicas, videollamadas ou videoconferencias. 

No caso dos centros de día, o nivel medio comporta a extensión da recomendación de non realizar activiades conxuntas, con excepción dos grupos estables, aos centros de persoas con discapacidade e ocupacionais. 

Nivel alto de risco

Neste nivel están aqueles centros en lugares sometidos a nivel 3 de restricións. Neste caso, as visitas nas residencias se restrigen a unha persoa de referencia unha vez á semana. As saídas ao exterior evitaranse fóra de consultas médicas e prohíbese a entrada de persoal para levar a cabo actividades dentro do centro.

No caso dos centros de día, tamén aumentan as limitacións. Nos que atenden persoas maiores os grupos estables pasan a ser de cinco persoas. Nos de persoas con discapacidade, hai que evitar a asistencia de maiores de 65 e nos centros ocupacionais, evitarase a asistencia de maiores de 75 anos.