Tarde, mal e a rastro: ninguén quere tomar o control na segunda onda madrileña

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Pedro Sánchez e Isabel Díaz Ayuso el pasado lunes, cuando anunciaban un entendimiento sobre la gestión de la epidemia en Madrid
Pedro Sánchez e Isabel Díaz Ayuso o pasado luns, cando anunciaban un entendemento sobre a xestión da epidemia en Madrid EUROPA PRESS / J. Hellín. POOL

O Goberno central tardou máis de semana e media en impor restricións na comunidade que rexistra practicamente a metade dos contagios de España

01 oct 2020 . Actualizado ás 10:44 h.

Era luns, 21, e entraban en vigor as primeiras restricións da segunda onda, que afectaban principalmente aos barrios máis humildes. Outra puñada a esa frase manida de que o coronavirus non distingue. A incidencia acumulada a 14 días era de 746 casos por cen mil habitantes e Madrid ostentaba desde facía días a dubidosa honra de ser a rexión de Europa na que o covid-19 estaba a golpear máis forte. As cámaras abrían o diafragma e producíase a que xa se coñece como foto das bandeiras: o presidente do Goberno e a presidenta da Comunidade de Madrid escenificaban un entendemento sobre a necesidade de tomar medidas para frear un descontrol que levaba xestándose durante semanas. Brotaba entón unha comisión de entendemento na que por agora só fixo acto de presenza o desencontro. O último capítulo do sainete chega tarde, mal e a rastro. A última hora de onte, sen acordo, unha semana e media despois marcada pola tensión sostida e os desencontros, o Goberno, por fin tomaba decisións: aplicar medidas restritivas en contra dun suposto criterio da rexión de Europa máis afectada polo coronavirus.

A epidemia en Madrid xestiónase á velocidade dos despachos, pero o coronavirus non entende de tempos políticos. Entre o día 21 días e onte, no que Madrid lanzou o enésimo órdago descolgándose da mesma medida que propuxera só uns días antes -que se restrinxise a mobilidade en todas aqueles territorios cunha incidencia acumulada por amais dos 500 casos- producíronse máis de 20.700 contagios na comunidade e varios desencontros escenificados en roldas de prensa e frases tan artificiais como baleiras. Ningún político decidiu se quere ser virus ou vacina e aínda que esta é unha batalla epidémica, cada vez ten máis visos de ter armas ideolóxicas.

O ministro de Sanidade recomendaba o confinamento de todo Madrid, a comunidade non o vía necesario, o alcalde pedía á xente que procurase quedar en casa e as cifras non deixaban de subir. O venres a profesión xornalística víase a duplicar pantalla: á mesma hora que o viceconselleiro de Saúde Pública anunciaba novas zonas con restricións, o ministro Illa convocaba unha rolda de prensa. Contraprogramación en toda regra para facer público que pediu que se confinen as zonas cunha incidencia superior aos 500 casos. Madrid, lonxe de facer oídos xordos, sobe a aposta: que se estableza ese criterio para todo o territorio. Confinar, di a presidenta Ayuso, é a vía doado. E reclama «solucións creativas».

Outra vez luns. 28 de setembro. Unha semana e dimes e diretes, de recomendacións que caen en saco roto e acusacións ás que non hai resposta. Sete días despois da fotografía das bandeiras, morreran 82 persoas, segundo os datos do informe de situación que publica diariamente o ministerio con datos achegados polas comunidades autónomas. Ingresaran durante esa semana máis de 300 persoas e o 20 % das PCR que se realizaban estaban a dar resultado positivo. A incidencia a 14 días estaba xa en 775 casos por cen mil habitantes e a sete días nuns 300. Un de cada tres casos diagnosticados en España era madrileño.

«Chegamos tarde», dicía Salvador Illa este mesmo luns. Tarde, mal e a rastro. A reunión entre Goberno e Comunidade remataba sen acordo o mesmo día que Madrid notificaba o dato máis alto de contagios da segunda onda. Pero non había declaracións de ningún tipo dunha posible intervención. Nin indicio dun 155 sanitario.

O martes, a última hora, nova rolda de declaracións políticas. O día anterior había nas camas de coidados intensivos madrileñas 484 pacientes e máis de 3.000 persoas ingresadas, segundo os datos da propia comunidade. A última hora, Salvador Illa anunciaba un alto ao lume: acordara con Madrid medidas de restrición para todas aquelas poboacións de máis de 100.000 habitantes, unha medida que se ía debater nun consello interterritorial ao día seguinte.

Pero como ten que ocorrer nas películas de terror, ao día seguinte chegou o xiro inesperado de guion. Madrid descolgábase do acordo antes do consello interterritorial que rematou dividido -Galicia foi unha das comunidades que votou en contra das medidas conxuntas- cun comunicado no que, por moito Madrid que sexa, operaba o criterio dos Resentidos: eles son sitio distinto.