Unha borrasca con características tropicais afectará a Galicia desde o xoves

A actividade ciclónica actual no Atlántico non ten precedentes desde 1971

La borrasca que está siguiendo el Centro Nacional de Huracanes situada frente al noroeste de Galicia
A borrasca que está seguindo o Centro Nacional de Furacáns situada fronte ao noroeste de Galicia

Redacción / La Voz

Os modelos meteorolóxicos seguen confirmando que a inestabilidade atmosférica irá aumentando en Galicia a medida que vaia avanzado a semana.

Hai unha borrasca que se desprendeu da circulación xeral da atmosfera, que está seguindo unha traxectoria de norte a sur, e que adquirirá tinguiduras tropicais nas próximas horas tras unha rápida profundización ou proceso de cicloxénese. «Esta borrasca será do tipo Shapiro-Keyser. Durante o seu proceso de formación, prodúcese o que denominamos unha seclusión cálida. Basicamente esta seclusión cálida consiste en que a borrasca adquire unha anomalía cálida no seu centro. Esta é unha característica típica dos furacáns, aínda que en ningún caso hai que confundir esta borrasca cun furacán», explica Damián Insua, investigador do grupo de Física Non Lineal da Universidade de Santiago.

«As nubes adquiren unha forma moi particular xa que comezan a xirar en torno ao centro formando unha espiral que finalmente se pode pechar dando lugar a un ollo, o que novamente recorda aos furacáns», engade. De feito o propio Centro Nacional de Furacáns (NHC) está realizando un seguimento sobre a súa evolución. «Podería pasar a ser tormenta tropical, aínda que a probabilidade é menor a un 40 %», recoñece Insua. 

A previsión insiste en que esa borrasca con características tropicais acabará situándose ao suroeste da Península a partir do xoves, desde onde producirá máis inestabilidade. As choivas asociadas a este ciclón farán acto de presenza o xoves pola tarde. Serán xeneralizadas e de tipo ballón. As nubes de tormenta poderían descargar bastante choiva en pouco tempo, e presentaranse acompañadas de aparello eléctrico.

O venres mantense a inestabilidade, aínda que sen tanta precipitación. As choivas regresarían a fin de semana. Agora mesmo a incerteza sobre a cantidade de auga que pode chegar a acumularse é máxima, xa que dependerá da evolución e a posición final desa borrasca. De momento, parece que o sábado e o domingo as choivas poderían ser puntualmente intensas.

Mentres, no resto do Atlántico hai cinco ciclóns tropicais nomeados polo Centro Nacional de Furacáns. Nunca se rexistrou tanta actividade desde 1971. Un deles, Sally, impactará na costa este de Estados Unidos nas próximas horas. En canto a Paulette, a previsión mantén o seu plan de viaxe. O furacán, que acabará converténdose en borrasca, que se move de oeste a leste, vai a interactuar co anticiclón e este á súa vez influirá sobre o destino final da borrasca que deixará as choivas na comunidade galega. Unhas choivas que serán moi recibidas xa que axudarán a aliviar a dramática situación que se está vivindo en Ourense coa vaga de incendios das últimas xornadas.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votacin
10 votos
Comentarios

Unha borrasca con características tropicais afectará a Galicia desde o xoves