Sanidade insiste en que o brote da Mariña, con 119 casos, está baixo control

La Voz VIVEIRO

SOCIEDADE

Xaime Ramallal

Burela concentra o 60 % dos contagios, mentres que en Ribadeo só se rexistrou un e en Mondoñedo non hai ningún

08 jul 2020 . Actualizado ás 14:20 h.

Con medidas restritivas desde a medianoite do luns, os habitantes de catorce dos quince municipios da Mariña agardan con preocupación o parte diario de contaxiados polo brote de coronavirus detectado o pasado día 23. O último, ofrecido polo Sergas na mañá de onte, eleva a 128 os diagnosticados. Catro continúan hospitalizados en Burela e a súa evolución «é favorable». Nove recibiron a alta e, xa que logo, os casos activos quedan en 119, catro deles hospitalizados.Hai ademais 1.100 persoas confinadas nos seus domicilios, segundo as informacións oficiais que o conselleiro de Sanidade ofreceu aos alcaldes do norte lucense por videoconferencia e ratifican desde o departamento de Jesús Almuiña.

Dos 119 casos activos onte, 115 recupéranse nos seus fogares, pois «a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve», indican as autoridades sanitarias. De todos os xeitos, desde o momento do diagnóstico deben gardar corentena durante catorce días. A media de idade dos contaxiados está ao redor dos 35 anos.

Ademais das nove altas por curación, hai ao redor doutras cen epidemiolóxicas, de cidadáns que deron negativo, pero que debían estar nas súas casas «en seguimento» tras dar negativo nas máis de 1.500 probas PCR realizadas ata este luns. Todos eles están «asesorados» pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

Boa parte dos PCR fixéronse seguindo o rastro dos contactos do primeiro caso, localizado en Xove fai catorce días, e os detectados en días posteriores. Sempre segundo os datos oficiais, empezaron con oito o día 24 e en cada un dos seguintes subiron a 11, 18, 22, 28 e 33. O 1 de xullo eran 35, e a partir de aí comezaron a dispararse, con 47 o día 2, 59 o 3, 85 o 4 e 106 o 5, cando o conselleiro Almuiña anunciou desde Lugo o peche da Mariña. Sanidade «segue a investigar posibles contactos dos novos positivos». Aínda así, os concellos da zona estanse vendo afectados de xeito desigual, pois segundo fontes sanitarias en municipios como Ribadeo só hai un caso e ningún en Mondoñedo , mentres que Burela concentra o 60 % dos contagios.

Das informacións difundidas onte polo Sergas dedúcese que non hai contaxio comunitario: todos os diagnosticados «están relacionados co brote» inicial. Aínda que a súa orixe continúa sendo publicamente unha incógnita, seguir ese fío «permite garantir a trazabilidade dos casos», a busca de quen estiveron con eles e a realización «de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión», recalca Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, da que depende o distrito da Mariña. Segundo Sanidade, ter actuado «con absoluta dilixencia e rapidez» desde o primeiro diagnóstico e un rastreo «masivo de todos os contactos permitiu controlar o brote».

Ademais practicáronse máis de 1.000 tests nas residencias de anciáns da comarca. Todas esas probas deron negativo.