«Yesterday», ou como as cancións dos Beatles soaron no antigo campo das Sinas

Sara DOURADO / B. c. VILANOVA / LA VOZ

SOCIEDADE

SARA DOURADO

Éxito rotundo no primeiro autocine da comarca do Salnés

05 jul 2020 . Actualizado ás 14:28 h.

Aínda non daban as dez da noite e as zonas de acceso e aparcadoiro do antigo campo de fútbol das Sinas, en Vilanova, estaban abarrotadas de vehículos que competían polo espazo nunha sala de cine ao máis puro estilo anos cincuenta. A chaira estaba preparada para preto de oitenta coches pero finalmente superouse o centenar e habilitáronse beirarrúas e outras prazas externas ao campo como zonas de aparcadoiro.

Yesterday foi a película elixida para inaugurar este ciclo de cine que, segundo confirma o alcalde Gonzalo Durán «imos intentar repetir a experiencia este mesmo verán dado o éxito acadado».

Unha opción diferente

Grupos de amigos, máscara colocada, gozaron das cancións dos Beatles mentres a comida rápida se consagraba como a compaña idónea para gozar do espectáculo. Nuria González, veciña de Vilanova, asegura que esta iniciativa é «unha boa forma de promover o cine con seguridade», algo que confirma a súa amiga Antia Deus, da Illa: «É unha alternativa de lecer diferente en tempos de coronavirus».

Aínda que, como en toda primeira vez, o autocine ten que puír algunhas aspectos: «Está un pouco mal organizado. Nós chegamos dos primeiros e puxéronnos moi atrás, ademais non vemos moi ben porque hai coches moi altos diante», queixábase Ana Picallo, que veu desde A Coruña.

Sara Chaves, residente en Cambados, secúndao: «Ao estar tan atrás a visibilidade non é boa», aínda que recoñece, «é a primeira vez que vexo algo así por aquí, é algo moi novo».

E non se equivoca. Vilanova convértese no primeiro concello da comarca en levar este servizo, e faino da man de Mr. Misto e autocines.gal, que se encargaron da loxística e de que o son entrase limpamente nos vehículos a través dunha radio que se coloca en cada coche e que se sintoniza nun dial determinado.

Unha gran alternativa de lecer que fixo que algunhas bocaterías da zona animásense a dar este servizo a domicilio coche a coche. Finalmente, cando xa todo o mundo estaba acomodado, sintonizadas as radios e o sol oculto, -máis tarde do agardado polos presentes- só quedou o máis sinxelo: recostar o asento, desempapelar o bocadillo e gozar deste autocine do século XXI.