Seguridade e calma nos locais chineses

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SOCIEDADE

Miguel Souto

A maioría das vendas son de útiles cotiáns para a casa, incluído todo tipo de material de ordenación

31 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os bazares chineses foron os primeiros en implementar medidas de seguridade contra o coronavirus cando este se empezou a expandir fóra das nosas fronteiras e antes case de que chegase aquí. Nos establecementos os seus propietarios empezaron a colocar biombos de plástico como medida de protección e a usar luvas para evitar o contacto co diñeiro, os produtos e os clientes. Tras o peche obrigatorio e aínda, en estado de alarma, foron dos últimos en volver abrir. Querían facelo con todas as garantías de seguridade.

Agora levan xa días xa abertos ao público e os responsables dos establecementos da zona quéixanse de que a actividade é aínda pequena e inferior á que era antes da pandemia. Véndese , sobre todo, din, cousas de casa e útiles de cociña. A revolución de armarios durante o confinamento traduciuse tamén nunha maior venda de caixas e fundas para roupa co fin de organizar a casa. A isto engádese todo o que teñen que ver con aniversario e celebracións.

Nos tres bazares de Lalín coinciden en que esta é unha zona na que se planta moito e nesta época as vendas de macetas increméntanse. De momento nos bazares non están a notar vendas de produtos relacionados con praias e piscinas. Achácano a que a maioría ten xa neveiras ou antucas que gardan dun ano para outro e son produtos que se repoñen pouco. Adóitanse vender cubos pas e moldes para a area pero aínda non arrincaron este ano.

Como aínda non levan moito tempo reabertos, a maioría non necesita mercancía. Min Zhu de Asia Center apunta que os pedidos chéganlles desde Valencia ou Madrid, sobre todo, e que tamén existe algún almacén en Galicia. Zhi Wu do Super Bazar coincide en que hai moitas fábricas que aínda continúan pechadas. Nos bazares da zona optouse por un ERTE en cando o decreto do estado de alarma obrigou ao peche e unha vez permitiuse abrir xa o fixeron, na maioría dos casos co persoal ao completo. Sen clases e cos colexios pechados tamén se nota a venda de material escolar unha vez que durante estes meses, en moitos casos, o computador tomou a vez aos cadernos.

Se nos bazares os seus propietarios quéixanse dunha actividade escasa e un descenso das vendas, o propietario do restaurante City Chino mantén a actividade en mínimos. Explica que «só teño aberto o comedor con reserva previa e con catro mesas no canto de 16 que había». Sinala que «non compensa traballar» e mantén a venda de comida a domicilio pero «aínda que hai algúns pedidos, a situación non é como antes, a xente ten pouco diñeiro». No restaurante está a traballar o só porque se non, di, non lle dan as contas. Lembra que ten catro fillos pequenos que manter con idades comprendidas entre os nove anos e os dous que cumprirá en xuño o máis pequeno da familia. Exponse como meta este ano a mera supervivencia e «aguantar para comer». No restaurante chegaron a traballar tres persoas e no último ano, sinala, xa só estiveron dous «porque se non, non vivo», indica. O restaurante segue atendendo pedidos de comida para levar.