Repuntan as chamadas para a retirada de avespas velutinas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SOCIEDADE

rober amado

A Xunta contabilizou 26 eliminados nas dúas comarcas desde principios de ano

31 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Este ano o ciclo das avespas velutinas sufriu un atraso respecto doutros. Nalgunha zona de Lalín, cífrano nun mes influído polas condicións meteorolóxicas. Un atraso que se sumado á situación de crise sanitaria provocada polo coronavirus fixo que o número de chamadas ao 012 por enxames teña sufrido un bajón considerable. Desde a Consellería de Vicepresidencia explican que a Xunta mantivo durante o estado de alarma a atención aos avisos de retirada de enxames garantindo a protección e a seguridade dos efectivos. Durante o confinamento houbo un descenso importante nos avisos pero nas últimas semanas co avance da primavera e os cambios de fase produciuse un repunte de chamadas.

Vicepresidencia cifra en 26 o número de niños de velutinas retirados desde o 1 de xaneiro ao 20 de maio deste ano. O maior número de avisos e, xa que logo de enxames eliminados, procede do municipio da Estrada con once. Séguelle Silleda con cinco e Vila de Cruces con tres. En Lalín a Xunta ten contabilizados dúas, outros tantos en Rodeiro, un en Dozón, un en Cerdedo-Cotobade e un en Agolada. En Forcarei non consta ningún, aínda que en moitos casos os veciños chaman directamente aos concellos e as actuacións son levadas a cabo polos GES ou Protección Civil.

O apicultor lalinense Jorge Pena conta nestes momentos con sesenta colmeas e é un dos expertos da zona na loita contra a velutina. «Este ano chegaron cun mes de atraso, e nestes intres aínda están a facer nenos primarios», afirma. Por iso é polo que aconsella seguir trampeando, polo menos, quince días máis. «Estamos quitando moitas raíñas aínda, e empeza a caer algunha obreira, pero poden ser dez con cada 200 raíñas que quitamos». Pena vai colocando algunhas nun bote e móstranos un con 500 raíñas. Desde hai anos Jorge Pena e David Liñares colaboran co Concello e coas asociacións veciñais na loita contra esta praga. En parroquias como as de Vilatuxe e Catasós traballan coa asociación de veciños que se implicaron de xeito especial e que «están traballando moi ben». O mesmo que grupos de veciños noutras como Madriñán, Busto ou en Moneixas. O labor destes dous apicultores deixou practicamente sen velutinas a zonas como a de Cristimil, onde se atopa Pena. Cre que o traballo que se está desenvolvendo nas diferentes parroquias de Lalín dará os seus froitos nun ano e poderán verse os resultados. Defende o trampeo como esencial para diezmar e eliminar de raíz a proliferación de enxames «porque se non teriamos un cada 100 metros» advertindo do perigo «porque calquera pode tropezar cun, e xa houbo xente que morreu». En canto á produción de mel cre que este ano vai ser frouxo porque a saraiba e o mal tempo fixeron estragos na floración. Agora os apicultores como Pena ten os seus ollos postos en «a ver como vai o castiñeiro e a silva». Espera que sexa boa e sálvelles. Conta que «o ano pasado foi bo e saquei 32 quilos por colmea; este ano igual non chego a dez, e as abellas hai que seguilas coidando».

Na zona os efectivos dos GES xa levan semanas retirando enxames primarios. O seu pequeno tamaño, a estas alturas da primavera fan que aínda non fosen moi visibles. Unha circunstancia á que se sumaron as semanas de confinamento que axudaron tamén a que moitos pasen desapercibidos. Pero as avespas velutinas non pairan e o ciclo da vida continúa. Nestes últimos días nos que as temperaturas se elevaron, a calor provocou tamén o crecemento dos enxames e xa se empeza a ver algún secundario, apuntan desde os GES da zona.

O GES estradense estende o seu labor a concellos limítrofes de Pontevedra e A Coruña

Os efectivos xa retiraron algúns en Lalín, A Estrada, Forcarei e Cerdedo especialmente. Na Estrada, explican que este ano non hai concellos colaboradores. Iso fai que o labor de retirada dos niños recaia en Seaga, empresa contratada pola Xunta, que atende as chamadas realizadas a través do 012 e nos GES. Iso ocúpanse dos ordinarios e os GES da retirada daqueles que supoñen un risco inmediato. O da Estrada abarca como zona de actuación a comarca de Tabeirós-Terra de Montes e outros moitos municipios limítrofes como Vedra, Teo, Cuntis ou Moraña, entre outros. En Lalín o Concello repartiu no seu momento preto de 400 trampas entre 348 grupos de poboación das diferentes parroquias de Lalín cun investimento duns 1.900 euros. Un labor que esta axudando ao control desta praga e que conta coa implicación de moitos veciños e agrupacións do municipio. Os Bombeiros só actúan a petición do 112 e levan un par deles retirados.